O sangue dos mártires

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

NASA

04 jul 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Desde os sacrificios de Ifixenia e de Isaac, ambos substituídos no último momento, por un cervo ela e por un carneiro el, os entendidos aseguran que quedou marcado o momento en que os antigos sacrificios humanos se trocaron por animais. Parecía que a relación coas divindades se humanizaba, pero non foi así. Cando o deus omnipresente non pide sangue, ha de aparecer algún omnipotente dirixente que, en nome da súa causa suprema, esixe o sanguinario e inhumano sacrifico.

Para deuses e para líderes o sangue vén sendo, desde antigo, a auga que limpa o honor e a aldraxe. Cada agravio recibido non se cura se non é coa execución dunha vinganza que poña ó vingador por encima do vingado, o cal implica un desquite compensatorio e así, desquite tras vinganza, sempre en progresión xeométrica, o sangue ofrecido a ese deus do honor, sen cara pero con odio, vai crecendo e queimando as naves da concordia. Non hai nada máis popular que as películas de vaqueiros para explicar este proceso, onde a hostilidade, ás veces por algo insignificante, vai crecendo ata límites insospeitados con rúas e saloons cheos de cadáveres baleados. O wéstern é un xénero que debería cumprir a función de toda obra artística, sinalar o problema e tratar de poñer orde nas ideas cara unha mellor convivencia, pero, pola contra, aínda fomenta unha violencia maior. A ver quen de todos nós non quixo ser un pistoleiro máis rápido ca propia sombra.

De cando en vez aparece alguén que trata de reparar os males creados con proclamas pacifistas, pero por algunha razón á que non chego, contra eles sempre aparece alguén que nos faga caer nas mesmas.

Desde antigo seguemos co mesmo problema de fondo: dous bandos eternamente enfrontados: os bos e os malos, os primeiros co deber de redimir e eliminar ós segundos e os segundos tratando de defenderse dos seus redimidores. Tantas veces, palabras como honor e aldraxe só esconden a desculpa para o odio, a envexa e a desconfianza. Hai máis maldade nunha queixa do tipo «mira o que me dixo» ca en ningunha declaración de guerra, pois se con esta manifestas abertamente as intencións de reparar pola brava unha suposta ofensa, con aquela estase tratando de buscar aliados para enrevesadas causas, para condenar ó ostracismo ó contrario.

Todos os deuses en todas as relixións piden sangue, desde Troia ata a Xihad, pasando por cruzados e inquisidores, desde os cristiáns en Roma, os xudeus en Alemaña, palestinos es Israel ou negros nos Estados Unidos. O sangue propiciatorio é unha constante que se repite ó largo da historia, xustificada como un ben ou unha necesidade imprescindible. E cando non se pide directamente, aceptando insólitos axustizamentos e martirios, fano de modo indirecto, loando o sacrificio dos seus fieis por manter a súa memoria, desde Sansón levando por diante a miles de filisteos ata un shahid inmolándose nun mercado de Bagdad, procurando, egoistamente, arrastrar consigo o maior número posible de inimigos que ofrecer. E se ben desde a antigüidade houbo teólogos que foron ideando a substitución do sangue humano polo do animal, que logo trocaron por ofrendas simbólicas como flores, cera ou moedas, aínda chegando ó ateísmo, houbo sempre, e hai, alguén esixindo sangue, xa sexa un líder político nos Balcáns ou un grupo armado en occidente, erixíndose en seguidor ou defensor dun ente superior, idea ou teima, para impoñer o seu orde particular.