Río revolto

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

30 jun 2020 . Actualizado a las 18:36 h.

río revolto, ganancia de pescadores. Seis palabras que definen moitas situacións que vivimos a diario. A confusión e as multitudes son o caldo de cultivo perfecto para os avezados, e estamos vivindo un momento revolto, cando menos, en moitos eidos. A cambio de paradigma, novas oportunidades. Outras seis palabras que indican o mesmo, e falando do teletraballo -o traballo dende a casa- xorden novas regras de xogo no terreo laboral. Se conseguimos que os empregados traballen dende as súas casas, conseguiremos aforrar electricidade nas empresas, porque cada traballador pagará a súa enerxía. Pero tamén pagará a liña de Internet, pagará a súa auga, e talvez pagará os seus bolígrafos, folios, carpetas e o seu propio ordenador, o de conexión coa empresa.

Sobrarán os inspectores de traballo, as medidas de seguridade e saúde no traballo, porque o empresario deixa de ter responsabilidade neste campo. Aforraremos as folgas e os tempos perdidos porque a computadora contará as horas de traballo, non haberá café a media mañá, non haberá empatía entre compañeiros de traballo, porque talvez nunca cheguen a coñecerse. As empresas non precisarán estar instaladas no centro das cidades, nin sequera ter sede fixa, pode ser virtual, aforrando custosos arrendamentos ou construcións.

Se é o Goberno o que está fomentando esta modalidade de traballo e se pensa meter as poutas na relación entre empresario e empregado, debe saber que se pode teletraballar dende Portugal, Chile ou Guinea Ecuatorial. Ao fin e ao cabo, trátase de competir cos chineses, que son máis baratos.