Media ducia de razóns para ler «O caderno de Rosalía»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A obra de Chus Blanco irrompe con forza na literatura infantil e xuvenil da man da editorial Galaxia

28 jun 2020 . Actualizado a las 14:51 h.

Chus Blanco é de Melide, pero tamén de Barbanza, de Ribeira, de Barbantia, porque leva moitos anos exercendo a docencia nunha comarca na que non pasa desapercibida, velaí a súa implicación co movemento barbantián, velaí os aprecios que acumula, velaí a súa descendencia nada nestas terras de escritores fundamentais para a literatura galega. Quen a coñece, sabía da súa querenza pola escrita, que é dona dun estilo literario propio que se pode ver nos suplementos A Voz de Barbantia ou no blog de Café Barbantia, un estilo sinxelo e profundo, con sentimento, que non deixa indiferente. Xa que logo, como manifestaron o director de Galaxia, Francisco Castro, e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, era cuestión de tempo que se decidise a escribir un libro.

E ese día chegou. Polo que agora, a todos os seus méritos como docente e como activista cultural xa hai que engadir o de escritora pois vén de publicar O caderno de Rosalía, da man da emblemática editorial Galaxia, obra que, aínda que se enmarca na literatura infantil e xuvenil, é recomendable para todas as idades.

A presentación do libro en sociedade tivo lugar no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, acto no que se puxeron de evidencia as virtudes xa mencionadas de Chus Blanco porque rexistrou un cheo, a pesares das restricións rigorosamente controladas xa na entrada. A escritora estivo acompañada na mesa por Francisco Castro e a tamén escritora de literatura infantil e xuvenil noiesa Blanca Ana Roig Rechou, que levou o peso da entrevista-presentación da obra en seis apartados que cualificou de media ducia de razóns para lela.

O que conta

A primeira, para Blanca Ana Roig, é o que conta. A vida dunha rapaza que vive con seu pai e que pasou pola morte de súa nai. As súas reflexións, aventuras e desventuras. Preguntou á autora que hai dela na obra. Chus Blanco explicou que hai algo autobiográfico, pero pouco: a profesión do pai de Rosalía que é ebanista, como o pai da escritora; e o nome da protagonista, Rosalía, que o colleu dunha colección das obras de Rosalía de Castro que de nena lle agasallara unha tía.

A segunda razón formulada por Blanca Ana Roig foi como se conta, que está en primeira persoa. Chus Blanco subliñou que non é un diario. Que a Rosalía gústalle escribir e argumentar o que pasa ao seu arredor, que quere saber o significado das cousas.

A terceira cuestión ou razón foi sobre a linguaxe, que Roig sinalou que é atraínte, que se achega moi ben ao lector esperado e no que se nota a vea poética de Blanco. A autora aproveitou para agradecer, neste aspecto, a axuda de Manuel Cartea, que lle explicou a importancia das palabras e lle aconsellou incluso en cuestións da estrutura do texto.

O cuarto aspecto no que incidiu Blanca Ana Roig foi nas referencias a obras literarias como O principiño, á poesía de Rosalía de Castro, a autores como Fina Casalderrey, Carlos Mosteiro ou Francisco Castro; pintoras como Maruxa Mallo e Frida Kahlo; a lugares como o faro de Corrubedo... en resumo, o mapa xeográfico e vital da obra, que Chus sinalou que se vai desenvolvendo polos descubrimentos de Rosalía a medida que vai pasando pola vida para volver ao principio. Tamén engadiu que no libro trata de transmitir valores como son os da igualdade, a solidariedade e a amizade.

O quinto motivo para ler a obra, segundo Blanca Ana Roig, é quen decidiu publicala, a emblemática editorial Galaxia, que a incluíu na colección Árbore. O director, Francisco Castro, explicou que coñecía a Chus Blanco de antes de que escribira o libro, e cómo cando ela lle chamou para ver de publicalo, ao contarlle o contido, deuse conta de que xa o coñecía, porque se presentara a un concurso do que el era xurado e quedara engaiolado co texto, polo que non dubidou en publicala sen cambiar nin unha coma.

E a conclusión definitiva de Blanca Ana Roig, a sexta razón, foi de agradecemento a Chus por se animar a escribir o libro, no que se percibe oficio. Desexoulle continuidade.

Para rematar, interveu a tenente de alcalde de Ribeira, Mariola Sampedro. Agradeceu a Barbantia que celebrase o acto na cidade, da que dixo que é a súa casa. Cualificou o acto de presentación do libro como unha demostración da volta ao mundo real «ao que volvemos, se cadra con máis forza». Profesou un cariño especial a Chus Blanco que «é unha das nosas» e auguroulle moitos éxitos.