Ribeira con c de cultura

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

25 jun 2020 . Actualizado a las 10:59 h.

Podemos dicir que temos a desgraza de que a ningún dos grandes escritores, ao menos que eu coñeza, lles dou por loar ou aínda falar de Ribeira. Rosalía, Valle-Inclán, Pondal, Castelao ou don Camilo, por citar aos máis sobresaíntes, non puxeron a palabra Ribeira en negro sobre branco nas súas escritas. Rosalía, tan preto de aquí, nin nos nomea. Don Ramón María, aparte do pequeno manuscrito Las mujeres de Sálvora -non publicado- tampouco se dignou falar de Ribeira; e iso que a tiña a tiro de pedra dos seus habituais lugares de residencia na Pobra. Certo é que se retratou no dolmen de Axeitos. Don Camilo tampouco se preocupou do noso concello, máis alá dunha breve mención -se a memoria no me engana-, na súa obra Madera de boj. E Pondal, dende o seu afastado Ponteceso natal, tivo dabondo coa letra do himno de Galicia e chamarlle ignorantes, feridos, duros, imbéciles e escuros, a todos os que non nos entenden. Así que, non era cousa de pararse a falar de Ribeira.

Vemos pois que Ribeira non tivo a honra de ter ningún fillo ilustre entre os top cinco dos escribidores de fama (certo que tivemos a un Manuel Lustres Rivas), e os alleos non nos tiveron en conta. Así que, sen un Rianxo do que presumir, sen un Padrón que levarse a boca ou unha Pobra tan ben lembrada polo marqués de Bradomín, poucas cousas nos quedan a non ser as belezas naturais. Iso si; fixemos e estamos a facer todo o posible por destruílas: lémbrome das dúas privilexiadas praias urbanas de Ribeira. Unha verdadeira ledicia que levou por diante unha inculta decisión dun mal chamado progreso. Puido máis a c de cartos que a c de cultura.

Así que a pregunta é: ante a mala sorte de non ter persoeiros célebres capaces de dar lustre a un pobo, temos dirixentes capacitados para potenciar a nosa riqueza natural? Francamente (e aos resultados me remito), penso que non. Houbo un tempo no que os dirixentes se ocupaban un pouco máis da cultura. Pero como iso non vende a curto prazo, nin está na cachola de todos, a cultura foise deixando de lado. Agora preténdese acadar a beleza con verdes de herba sintética, falsas construcións castrexas, cemento a esgalla, árbores de deseño oriental, paseos marítimos alleos a natureza, un museíño e unha biblioteca que se ten por tela. O mercado municipal é un exemplo da carencia de intelecto. E ata a lonxa deixou de ser un elemento cultural pola incomprensible supresión do atraínte espectáculo da poxa para o público observador. Ribeira, por non ter, nin ten un slogan que a defina. Lémbrome cando se recoñecía como «La ciudad blanca»... Dende logo, agora non sería o caso. O gusto pola beleza, o arte, o estilo e, sobre todo as boas ideas, nacen da cultura.

Chegados aquí, habería que atopar algo forte que axudase a visualizar o noso concello, e deixarse de iniciativas de voo rasante, coma o cutre premio de novela curta e cousiñas así sen maior ambición, que só serven para andar pola casa. Habería que atraer ao mundo da cultura con maiúsculas mais alá das comedelas habituais; ese mundo cultural que fai grande aos pobos e do que Ribeira está orfa. Ese necesario mundo que perdura por enriba de modas e que tanto ignoran algúns dirixentes.