(Re)caídas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

14 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As nosas avoas e nais sempre nos insistían con dúas cousas: os cortes de dixestión no verán e as recaídas despois das gripes. E non mo neguen: estas dúas afeccións dábannos ben de medo. O corte de dixestión porque era coma un monstro mítico que non sabías moi ben en que consistía, pero que tiña moi mala pinta. E a recaída tamén asustaba, porque acababas de saír dunha gripallada e o que menos apetecía era recuncar.

Así que aínda agardabas impaciente unha hora despois de xantar antes de meterte nas xélidas augas da nosa ría de Arousa, e durante un día, como moito dous (non esaxeremos), seguías os consellos de non quitar o xersei e andar abrigado. O problema do covid-19 é que non somos demasiado conscientes do que poder supoñer unha epidemia deste tipo.

En xeral, malia os agoireiros que hai en Internet, o comportamento da xente está a ser modélico. Non podemos agardar que todos os membros dunha sociedade sexan cívicos. Non hai máis que conducir un par de horas por calquera estrada para darnos conta de que irresponsables hainos (e vainos haber) sempre. Por iso, as multas contribúen a endereitar os comportamentos incívicos, pero nunca a solucionalos.

Agárdannos uns meses bastante difíciles. Non é o mesmo estar confinado na casa, asunto simple e claro, que facer algo de vida na rúa. Non é doado ver fronteiras invisibles, pero pódese facer. De feito, lévano facendo no norte de Europa desde o inicio do confinamento, comprometendo menos a súa economía e, polo tanto, a súa sociedade. Pensemos niso para non volver recaer.