Hai catro anos escribín unha novela, O anxo negro, que retrataba como unha comunidade rural reaccionaba para recuperar a humilde figura dunha moi querida santiña roubada. Eran os primeiros anos 80, e entre as moitas cousas que sucedían en Galicia nese momento, unha nada menor foi o brutal saqueo do patrimonio relixioso rural. Apenas temos datos oficiais porque quen tiña que facer as denuncias no seu momento non as fixo.
Moitas desas humildes pezas do noso patrimonio rural só fican na memoria oral dos veciños, e esta vai rematando. Escribín a novela para denunciar a perda dese rico patrimonio, pero sobre todo para que non se perdera a dor causada, o sentimento de mágoa e desvalimento que provocan nunha comunidade estes roubos. Non son obxectos de arte, son memoria.
O que non sabía é que a min me había de suceder o mesmo. Rara era a vez que subía a San Isidro de Postmarcos e non paraba no Cruceiro Novo. Gustábame que aínda permanecera nun camiño de terra, cabo do bosque. E confortábame coas veliñas sempre prendidas a aquela virxe antiga, xurdida do noso arcaico granito. Era o máis parecido a un sentimento relixioso que eu podía ter.
Desde que souben do covarde roubo da virxe ando con carraxe e tristura, porque me/nos roubaron o corazón e a memoria. E por iso dígolle a ese ladrón, que non ha de andar lonxe: a miseria que te deberon pagar (porque hoxe esas pezas valen moi pouco cartos) non compensará o que terás que devolver cando a xustiza te atrape. Porque vaino facer. Non teñas dúbida.