O mar non aplaude

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

26 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Omundo é estraño. Estou convencido de que nisto dos aplausos de todas as tardes ás 20.00 horas non só se aplaude (xustamente) aos profesionais da sanidade pública, senón por unha razón moito máis íntima e necesaria: a de sentirmos a outras persoas, a de saber que de algún xeito non estamos sós, que facemos e refacemos vínculos. A grandeza dos seres humanos está na nosa capacidade, máis ben na nosa necesidade, de enredarnos os uns cos outros.

Cando saio a aplaudir síntome confortado, e en como nos miramos os uns aos outros atopo nos ollos unha complicidade inédita. E faime graza un asunto: eses veciños de enfronte que nos miran e aos que nós miramos, maniféstanse á concorrencia en bata, en chándal, con pinzas no pelo ou con barbas de tamaño bíblico. Tal cousa nunca pasaría na vida normal, pero os balcóns e as fiestras convertéronse xa en parte da nosa intimidade. É como se todos foramos familia e non nos importara que nos viran en roupa de batalla.

Aquí en Compostela, boto de menos o mar e o monte, claro. Pregúntolle aos meus pais, na Pobra, se eles aplauden. Claro que aplauden. Pero o balcón da nosa casa asoma ao marabilloso espectáculo da ría de Arousa. O mar é unha marabilla para os ollos, pero non sabe contestar aos aplausos, así que meus pais aplauden sós. Nin o mar, nin as hortas, nin os montes poden contestar. Estes días boto de menos a natureza toda e a súa capacidade de serenarnos, pero sen dúbida o que peor levo é non ser mar para poder contestar os aplausos dos meus pais.