Gardar a memoria

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte mantiven unha xuntanza cun técnico da Deputación de Ourense, aproveitando que viña a Compostela a realizar unha entrega ben chula. Traía dúas bolsas na man e cada unha delas contiña o mesmo: un disco duro cheo de gravacións sonoras e un libro cunha edición e escolma desas gravacións. O resultado era unha xeitosa colección de memorias dos veciños dos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, todos en Ourense, nas proximidades da fronteira con Portugal.

O proxecto encargárase a dúas etnógrafas no marco dun plan europeo de dinamización local, coa certeza de que as accións de visibilidade dos territorios rurais non está só na sinalética, senón en crear palabras e facelas voar. O técnico, Xabier Feijóo, ía depositar o material en dous fondos: na Biblioteca de Galicia e no Museo do Pobo Galego, para que a voz dos veciños ficara conservada para as vindeiras xeracións.

Pregúntome pola cantidade de cintas e gravacións que estarán esquecidas ou ciscadas nas nosas casas da comarca de Barbanza. Feitas para traballos escolares, por activistas culturais ou por historiadores e antropólogos. Todo iso, se queda nun caixón, desaparecerá sen remedio, porque non temos sistemas de conservación axeitados.

Deixar orixinais, ou mesmo as copias, nas nosas institucións de memoria, como o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, pode ser unha opción excelente para garantir que o que fomos no pasado poida quedar para os seguintes. E aínda por riba libramos espazo nas vivendas.