Unha be para o futuro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

05 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días presentouse un voluntarioso glosario de termos locais dun porto galego. Nas redes, os veciños desa vila proclamábanse orgullosos das peculiaridades da súa fala. Pero boteille un ollo ás palabras e comprobei que o 90 % de todos aqueles termos tan diferentes tamén os dicimos na comarca de Barbanza. Pensei explicarllo, pero para que dar (e recibir) desgustos.

Ao longo das últimas décadas, o camiño da lingua galega, como o da conciencia de Galicia, é a historia da busca do espazo común que nos une e nos fai máis fortes. Coas liberdades políticas do país recortadas durante séculos e a nosa lingua desaparecida do rexistro oficial, os galegos rematamos por desprezar todo aquilo que non era o sentimento da nosa parroquia, porque se nos agachou a posibilidade de ter unha identidade e unha fala común que nos valera. Terán escoitado miles de veces aquel conto de que «o galego da televisión é todo inventado». É dicir, como na miña casa non se falaba así, xa non vale. Custaba -e aínda segue a custar- entender o necesaria que é a lingua común. No fondo, o que se está pensando é que a lingua común é outra, xa me entenden, e o galego soamente vale para as festas e para os cocidos. Pensen a quen lle convén ese conto.

Por iso moito me alegrei onte ao ver a foto da nosa Ribeira con be. Porque unha cidade tan importante non podía facer orgullo do drama histórico dun país que durante séculos non puido ensinar a súa lingua nas escolas. Porque o histórico pulo e dinamismo de Ribeira pola modernidade debía tamén chegar á súa propia ortografía.