Hai que manter

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

25 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que viaxamos cos ollos abertos vemos noutros países á xente pintando as xanelas na fin de semana, limpando as canles de herbas ou mimando os xardíns, pero tamén empregados municipais e autonómicos facendo labores de mantemento dos espazos públicos. É máis, en algúns lugares son os particulares os obrigados a manter o espazo público diante das súas casas, un traballo de colaboración contemplado nas propias leis.

Pola contra, en Galicia somos moi desleixados, e os nosos gobernantes tamén, porque saen do propio pobo. Deixamos que podrezan as xanelas, deixamos sen limpar os canais e sen pintar as casas, ata que temos que acometer fortes obras de rehabilitación, ou simplemente derrubalas.

Sucede tamén no espazo público, somos campións en estradas con fochancas, árbores sen mantemento, xardíns abandonados. Ata que xorde unha subvención doutra administración e arrasamos con todo. Sobran exemplos de arboricidios e de substitución de xardíns tradicionais por plataformas de cemento, ou de pedra -que queda máis fino-.

É unha cuestión de educación, un xeito de ir perdendo a memoria e a nosa historia, de debilitar o sentimento de apego e de emigrar. Se botamos números sáenos máis barato manter cada semana eses espazos públicos e esas casas, sen chegar ao abandono e á ruína. O problema é que vemos o éxito dun alcalde no número de inauguracións, aínda que sexan froito de aniquilar o que antes había no lugar.

Os termos conservación e mantemento están no noso dicionario e nas nosas leis, pero non o temos no noso ADN como outros pobos que visitamos e admiramos.