Mocidade

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

24 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousas que, por moito que intentes poñerte na pel de outro, non es quen de entender. A queima de coches a noite do venres de entroido en Boiro é un deses casos.

Quen é capaz de plantarlle lume a un coche nunha vía pública a carón duns pisos habitados? Non hai que ser Sherlock para darse conta de que o culpable (ou culpables) non pode estar moi ben da cabeza. E non é unha forma de falar; por moi colocado que vaias, hai que ter algún tipo de patoloxía para non darse conta de que ese lume pode provocar unha desgraza moito máis grande da que foi.

Pero non debemos caer nos tópicos de sempre. A mañá do sábado comezou moi quente nas redes con este tema, e algúns caían no tópico de acusar directamente á nosa mocidade. Craso erro. Mesmo este sospeitoso que ten tendencia a xeneralizar, sabe que de ningunha das maneiras a mocidade vese representada neste tipo de actos. Non vou negar que parte da nosa chavalada ande algo perdida.

Tanto trap e reguetón non poden facer moito ben, pero de aí a acusar por sistema á xuventude de todo canto pasa pola noite é fiar torpemente. Mesmo sendo o vándalo un mozo segue a ser unha temeridade. Na mocidade boirense podemos englobar a asociacións como as Rabudas, as Muchachas, a República Creativa ou ás peñas das festas por nomear a algunhas que están todo o ano a desenvolver actividades.

 Hai chavalada en voluntariado, política, teatro, escolas de música... Por suposto que hai mozos e mozas moi perdidos por mor dunha educación deficitaria e unha sociedade enferma; máis cedo ou máis tarde xa se atoparán.