Dereitos e obrigas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

13 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando os dereitos non avanzan, adoitan retroceder. Podemos discutir ata onde chegan os dereitos, claro. A esquerda incluirá non só os dereitos individuais, senón tamén os colectivos, os que afectan aos pobos e grupos sociais. E os liberais tenderán a limitalos só ás persoas como tal. Pero resúltame imposible que non se poida chegar a un acordo no debate ao redor da eutanasia: un asunto que debera ir máis alá desa diferencia ideolóxica.

Os límites dos dereitos dos homes e mulleres adultos, responsables e conscientes, deberan estar na decisión sobre a súa propia vida. Outorgar ese dereito a aquelas persoas que non poden rematar coa súa vida por si mesmas é un acto de humanidade: fainos a todos máis humanos, porque nos fai máis solidarios.

Na nosa comarca temos o máis destacado exemplo da loita pola dignidade persoal no dereito a unha morte digna: Ramón Sampedro. Seguro que nestes meses, o seu esforzo e exemplo será moi recordado en todo o Estado. Sampedro demostrou que detrás do seu obxectivo para rematar coa súa vida non había nada escuro, senón luminoso: ser libres para non sufrir nin facer sufrir.

Tamén veremos estes días moitos exemplos de doentes que, malia padecer duras condicións vitais, non renuncian a continuar nesta vida ata onde sexa posible. Eles son tamén admirables, tamén os debemos apoiar con solidariedade e o Estado debe contribuír a minimizar os seus padecementos. É a súa respectable decisión. Porque cando non se pode exercer un dereito, estase a padecer unha obriga.