Traballo 2.0

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

11 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

OForo Económico Mundial compartiu un informe que analiza os traballos do futuro e o efecto que causarán as novas tecnoloxías no mundo laboral, un informe distinto dos anteriores, que pon o foco na «cuarta revolución industrial», sobre sistemas ciberfísicos, computación na nube e moitos máis termos que non usamos os humanos a diario.

No momento no que os que temos fillos en España pretendemos que fagan unha carreira convencional (enxeñeiro, filólogo, biólogo, avogado), nesa nube estratéxica falan de que moitos dos traballos que coñecemos non existirán dentro de vinte anos. A diferenza do que podiamos pensar nos 80 do pasado século, a evolución das cousas leva unha velocidade vertixinosa. Cada lustro actual equivale a medio século de antes.

Tíralle das orellas ás universidades convencionais, ruboriza ás firmas que coñecemos, porque moi poucos traballos da actualidade existirán nese período, porque necesitamos abrir os ollos para fixarnos no cometa que sobrevoa a nosa sociedade.

Non hai moito, unha empresa da Pobra presentou a Pepe o recepcionista, que non é un empregado común, senón un robot. Porque as empresas non precisarán humanos para recibir nin para administrar os seus recursos, farano máquinas.

Xa non se valoran os mestrados e doutoramentos, si a formación emocional. Somos dos últimos que construímos casas con ladrillo, os únicos que temos humanos nas gasolineiras. O factor humano enfócase ás decisións namentres non as tomen os robots. Aquela odisea no espazo chegou, para quedarse entre nós.