Competencia

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Estes días andei buscando hoteis no norte de Portugal para unha breve estancia. E conforme navegaba polas páxinas dos buscadores que te permiten ter unha vista de paxaro sobre localizacións, servizos, interiores e exteriores dos establecementos, comecei a espantarme cunha cuestión. Probei a estender a busca máis ao norte, Galicia, Asturias e León. A impresión foi demoledora. Moitos hoteis portugueses -e non falo só dos de gama alta, senón tamén de toda a nova oferta de hoteis boutique- afrontaron procesos de renovación nos últimos anos. Algúns son excesivos, outros minimalistas, moitos elegantes, pero todos moi pro: queren crear unha experiencia atractiva no visual e no sensorial a un cliente moi esixente e actual.

Aínda que as tarifas destes hoteis son iguais (tamén superiores) aos galegos, os atractivos do interiorismo e da aparencia exterior dannos polo xeral vinte voltas (hai excepcións, claro).

Hoxe, para un cliente internacional que acude a Booking para interesarse polo noroeste peninsular, a oferta hostaleira galega está de desvantaxe cos veciños. Moitos dos nosos grandes hoteis non foron renovados desde o fraguismo e non teñen en conta os cambiantes gustos dun cliente global, que cada vez demanda hoteis máis curriños e instagrameables. Poucos teñen servizos de benestar engadido -ximnasio ou spa- e, polo xeral, precisarían tamén unha modernización.

Énchesenos a boca con captar clientes de alto poder adquisitivo, pero andamos escasos de equipamentos que lles ofrecer. Pero non se preocupen: vannos salvar as centolas e o cocido.