16 horas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A viaxe máis curta en transporte público dende Santiago e Tokio dura 16 horas e pico, o mesmo tempo que leva chegar dende Verín ata Ortigueira tamén en transporte público. Así o indica Google, pero poden comprobalo. A diferenza substancial radica na distancia física: entre as dúas primeiras median case 11.000 quilómetros e a distancia entre as galegas non chega a 300. Pódese percorrer en automóbil privado en pouco máis de tres horas. A que ven esta comparación tan disociada? Sérvenos para medir a eficiencia estratéxica do noso transporte público, un dos menos eficientes do continente segundo axencias europeas, e para decatarnos de que pensan máis nos de fóra que na nosa mobilidade interna.

Vemos a diario aos políticos discutindo a data de chegada do AVE a Galicia -que non é AVE- namentres pechan estacións de proximidade. Máis do 90 % dos lectores non van ser usuarios do tren rápido, pero a súa construción cústanos 20 millóns por quilómetro. Cada 25 quilómetros de tren custan tanto como a Cidade da Cultura. Nin imaxinamos ver algún día funcionando o tren de Fisterra á Coruña nin o de Ribeira a Santiago, ámbolos dous proxectados por Domingo Fontán en 1889, que non chegaron a saír dun plano e dunha páxina do xornal.

O que necesita Galicia son trens que vertebren as comarcas e que permitan vivir en Carballo e traballar na Coruña sen usar o coche, como pasa en Europa. Namentres non comparamos as distintas opcións non nos damos conta do irrelevante que é o AVE para o 90 % dos galegos, máxime tendo tres aeroportos propios e outro adoptado.