O elemento patrimonial con máis risco de accidente

BARBANZA

16 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira reacción que teñen os que nos visitan é a da sorpresa, polos cruceiros e polos cabazos. Porque son elementos que nos diferencian e nos outorgan identidade, compartida con pobos como o bretón ou o irlandés. Non está de todo clara a súa función, pero Castelao escribiu e debuxou moitas cruces de pedra da Galiza e Bretaña, e Murguía apuntaba que eran elementos para cristianizar cultos pagáns á natureza. A experta en patrimonio inmaterial Ana Filgueiras trasládanos a mundos ancestrais cando fala de todo o que non se ve e que arrodea aos cruceiros galegos, e salienta a importancia de telos en boas condicións e restaurados -cando toca- evitando sempre movelos de lugar, pola desafección que se produce entre o inmaterial e a pedra.

Aínda que se trata de monumentos relixiosos -cristiáns-, non pensemos que pertencen á Igrexa; moi ao contrario, son unha riqueza pertencente ao pobo, feito polo que sostemos que son os concellos os responsables do seu mantemento, a falta de intervención dos veciños. Sabemos que a súa situación é estratéxica, sempre nas encrucilladas, beiras de camiños históricos, adros de igrexas, e coa chegada do progreso do automóbil e das présas, son presas fáciles das máquinas e son o elemento patrimonial con máis risco de accidente. Sendo fitos da nosa paisaxe, lugares de referencia, deben formar parte da planificación urbanística e de mobilidade, debendo -ao meu entender- desviar os camiños antes de mover os cruceiros. Son parte relevante da nosa propia personalidade.

A