Dos países anglosaxóns poderiamos ter aprendido moitas cousas, como o coidado pola paisaxe, a racionalidade na construción das casas, a mesura e o respecto polo seu patrimonio cultural ou a vivir en casas con leiras sen peches opacos, nas que poidas chegar á porta sen ter que superar un alto valado de bloques.
Poderiamos ter aprendido a flexibilidade e mobilidade no ámbito laboral, o orgullo polos valores que sustentan o seu pobo, os valores da excelencia, do esforzo e dos obxectivos, o apego polos produtos da súa terra e polo fabricado por eles.
Pola contra, o que nós aprendemos deles é todo o malo: os shopping center, a fast food e o Black Friday, e os mediadores publicitarios non impiden que nolo metan polos ollos, a través da publicidade. O dos venres negros non beneficia máis que aos grandes comercios e ás multinacionais, e o pequeno comercio vese obrigado a meterse no círculo vizoso, perdendo cartos, para non perder clientes. Disque o 70 % das compras do Nadal van ser feitas a través de Internet, e estas cifras van medrando, ata que non exista o comercio local, e os únicos establecementos sexan franquías multinacionais.
Viviremos tempos nos que as rúas serán escuras e sen vida, nas que non haberá posibilidade de falar cos comerciantes e cos veciños, converténdonos en zombis consumidores egoístas, sen relación cos nosos.
De nada servirán as campañas de millóns de luces se as rúas son espazos de sombras. Millóns de postos de traballo desaparecerán, e as rúas serán máis inseguras. Pasaremos do Black Friday ao black year, a un mundo escuro, desconfiado.