Narcosubmarino

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con tanta expectación estes días polo asunto do narcosubmarino -que eu diría que supera mesmo á fascinación polas noticias sobre a oferta (que non venda) de aldeas abandonadas do rural a prezos astronómicos- veume á cabeza unha gloriosa trola coa que o meu avó Ramón me «enchía a cabeza de paxaros» (así as definía a miña avoa).

Unha vez contoume coma o señor Sanjurjo -mira que tardei anos en saber que se refería ao xenio, e malia iso empresario, Sanjurjo Badía- inventou un submarino a pedais que andaba por baixo da ría de Arousa.

Era, xa que logo, un submarino moi pequeno co que se podía andar ás fanecas e os congros, pero que precisaba, como as dornas, o concurso dun patrón e un mariñeiro para vogar, perdón, pedalear baixo a auga.

Neste país somo moi de submarinos imaxinarios desde que Xulio Verne descubriu o filón de Rande, así que non me estrañou nada que os narcos acabaran por materializar os fletes subacuáticos.

Estou convencido de varias cousas:

1) Que este submarino non foi o primeiro e que baixo o mar do país, os tramallos deben bater de cando en vez con algún destes pecios marca Acme.

2) Imaxínome a existencia dunha futurista base subacuática baixo un complexo de bateas, á que acoden submarinos de todos os países produtores de droga a descargaren estupefacientes, mentres os camelos se desprazan en moto acuática a recoller a mercancía minorista.

Pareceralles un delirio, claro. Pero despois do visto esta semana, só me parece un punto de partida.