Si, Twitter ultimamente é un lugar bastante aborrecible. En realidade é coma un ring, pero para especuladores de dormitorio que soñan con vidas distintas ás que teñen. Non hai que dramatizar toda a violencia, o mal rollo e o insulto que ás veces se ven nestas redes sociais; dentro duns anos todos saberemos que, simplemente, é un espectáculo, como pode ser o entroido. Unha vía de desafogo, de puro lecer, disfrazada de aparente e serio debate político.
Con todo, eu que son veterano case do primeiro Internet sigo a atopar xoias e tendencias. No Twitter en galego neste outono de 2019 están a destacar contas divertidísimas para quen lle guste aprender sobre falas locais, xiros e locucións sorprendentes e divertidas.
Tres contas nos dan conta de falas de comarcas do país: @FalaMorrazo, @FalaBierzo e @FalaMarinha. Todas cun gusto con mesturar os memes, o humor e a recollida oral de modismos. Ben, modal ou electrónica, porque estes chíos nútrense moito das interaccións dos outros usuarios.
A verdade é que sería ben interesante que alguén, no Barbanza, se animara a presentar ao mundo a enorme riqueza (máis da que nos imaxinamos) de palabras de uso habitual no galego da comarca. Comezando, por suposto, con todos os préstamos do inglés, que son unha das herdanzas máis chulas do noso pasado contemporáneo de portos, emigrantes e mariñeiros.
E seguindo coas palabras arxentinas, portuguesas, ou con todo o rico vocabulario de insultos locais que valería para ruborizar ata o mesmo Lucifer. Aí queda.