Un convite

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

07 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Apartir da semana que vén, desde o 15 de novembro, abrirá o proxecto no que levo traballando moito tempo: a exposición «Galicia, un relato no mundo». Será no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, e promovida pola Consellería de Cultura como a primeira das grandes exposicións vinculadas ao Xacobeo 21.

 En «Galicia, un relato no mundo» proporemos ao visitante unha grande historia: a da relación do noso país co seu contorno desde a prehistoria ata os nosos días. Séculos de chegadas e intercambios, de diálogos, encontros, conflitos e viaxes.

 Quen se achegue ata a Cidade da Cultura poderá ver dúas plantas con máis de trescentos obxectos, nos que cada un conta unha historia persoal, pero que todos xuntos compoñen un relato que concibe a Galicia como un espazo cambiante, no que a interacción con outras xentes vai conformando a idea do que somos como país, como cultura e como identidade. Quen se achegue verá Galicia como unha suma de moitas influencias, pero tamén verá como outros países do mundo foron influídos por Galicia.

Cando un comisaria unha exposición, leva tras de si a bagaxe do tempo e da memoria. Non negarei que na miña visión do mundo, moi aberta, están todas as xeracións do Barbanza que non dubidaron en saír a el, polos mares e as terras, na procura dun futuro mellor para eles e as súas familias.

Para os galegos o mundo é, e sempre foi, un espazo de oportunidades. Moito do que poderán ver na exposición, se se achegan, ten que ver con esta filosofía. Abrazar o mundo para recoñecernos a nós mesmos.