Alamedas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

05 nov 2019 . Actualizado a las 10:54 h.

Ningunha vila galega importante se librou da construción dunha alameda, espolón ou campo, se ben hoxe moitas perderon o seu carácter por seren empedradas, cementadas ou modificadas por fenómenos especulativos ou por urbanismos ignorantes do pasado.

Se ben algúns autores sitúan a súa orixe na década de 1540 en Italia e nos Países Baixos, importadas por España e Portugal -onde se chaman rossios- e posteriormente construídas en América do Sur polos colonizadores, hai textos de Plinio e de Vitrubio que se refiren a espazos ritualizados similares na antiga Roma, que falaban do descanso confortable que achegaban as follas secas sobre a terra, e que as consideraban templos da divindade polos seus efectos sensoriais, polo pracer visual, polo son dos murmurios, indicando os beneficios psíquicos e físicos destes espazos no tratado De Architettura (século I).

O arquitecto e profesor Alonso Pereira defíneas como «espazos urbanos de arquitectura vexetal, en oposición á arquitectura da pedra», formados por tres elementos: árbores, terra e auga -sempre houbo unha fonte-.

Estes espazos creados para o paseo e a relación veciñal sempre foron usados para as feiras e para as festas, e o seu nome non provén de ter álamos nas beiras, senón olmos, e posteriormente plátanos de sombra. Os que en Francia coñecen como bulevares, ou en Madrid como salóns, pódense atopar en cidades como México, Nova York, Ferrol, Pontevedra, Compostela, Padrón ou Rianxo. Sempre co piso permeable para manter as sensacións descritas na antigüidade, tamén o microclima e a saúde das árbores.