Empatía

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Non é o mesmo saber unha cousa que sentila. Non descobres o que é o lume ata que non te queimas por primeira vez e xa queda o perigo, de maneira instintiva, para toda a vida. O mesmo pasa na vida: tendemos a opinar desde a absoluta falta de empatía.

Imaxinen ter tanta fame e desesperación como para atravesar un continente desértico, meterse nunha balsa inestable sabendo que podes morrer no camiño. Ou aos seus avós fuxindo das súas terras, tratados coma cans nalgunha fronteira e, aínda así, saber que todo o malo que se vive é aínda mellor que unha horrorosa guerra de bandos e relixións.

Digo isto porque de cando en vez escoito a falabaratos opinando sobre as políticas de xénero. Miren vostedes: os homes polo xeral non temos nin idea de como é a vida (cotiá) dunha muller. E non me refiro aos horarios ou aos gustos culinarios, senón á súa relación co mundo. Desde as redes sociais, con babosos que amargan o día, ata a volta á casa despois dunha noite de festa, cos cinco sentidos alerta ante o que pode andar por aí; desde medir ao máximo as palabras para evitar equívocos ata asumir que, nun comercio, o dependente non che vai falar a ti senón ao teu marido. As situacións do día a día son tantas e tan diversas que, por lei de vida, as mulleres acaban normalizando situacións que en realidade son tremendas.

A todos aqueles que non saben que, xusto ao seu carón, o mundo pode ser totalmente inxusto, recomendaríalles que probasen a cambiar de xénero, aínda que só fora de cabeza. Igual así eran conscientes do problema que existe na sociedade actual.