Hai pouco saíron novos datos ao redor do uso da lingua galega e o Barbanza -e non só- deunos moi boas noticias. O número de galegofalantes medrou nos últimos anos de maneira espectacular na comarca, pasando do 78,42 % no 2008 ao 88,95 % en 2018. Eu aínda non conseguín que ninguén me explicara as causas. En parte porque durante os primeiros días nas redes sociais, a enquisa contouse coma se fora a apertura do último selo da Apocalipse. Mesmo moita xente que eu xulgaba con espírito crítico dedicábase a difundir mensaxes fatalistas sobre a lingua.
O sorprendente do asunto é que os datos apuntaban cara un sitio distinto. Falaban dun notable freo na perda de falantes e mesmo de discretas subas no seu uso e coñecemento nas xeracións máis novas ou en comarcas como a nosa. Nada que calquera sociolingüista profesional non saiba: as linguas teñen unha base social resistente. Pero eran datos optimistas, non pesimistas.
A situación do galego ten moitas causas, pero unha non menor é o discurso do fracaso ou da derrota, o cal é surrealista. Queremos que unha lingua prospere, pero nos empeñamos en dicir, insistir, mesmo en falsear que é unha lingua de perdedores. Quen quere ser un perdedor nesta vida? Debemos construír o futuro sobre a certeza e a obxectividade, pero tamén desde o entusiasmo. Que en 10 anos o galego subira dez puntos no Barbanza sen que haxa un pulo especial por parte das Administracións é, sobre todo, unha mostra máis da forza que aínda ten esta sociedade. E que siga así.