Javier Castro: «Pódese seguir despois dun transplante»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Aos seis meses da operación facía o Camiño de Santiago desde Roncesvalles e logo realizou outros dous percorridos divulgando o labor que desenvolve Asotrame

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida doulle un pau dos máis duros, sufrir un linfoma de Hodgkin, pero lonxe de deixarse vencer, Javier Castro foi quen de erguerse á terrible noticia e á chea de obstáculos que a sucederon, con tratamento de quimioterapia e auto transplante de medula ósea incluídos. Trala caída, levantouse con forza para retomar a súa afección polas carreiras, situando sempre a meta dos percorridos na catedral compostelá. E desde que se cruzou no camiño coa noiesa Manoli Filgueira, a presidenta de Senda XXI, aproveita esas peregrinacións para divulgar o labor que fai Asotrame, o colectivo galego de transplantados de medula.

Castro embarcouse na súa primeira aventura no 2016, seis meses despois de saír do quirófano. Fixo correndo o Camiño Francés desde Roncesvalles: «Quería pagar un trato que tiña pendente con Santiago Apóstolo», explica. Pero ao ano seguinte repetiu a experiencia, cubrindo o Camiño do Norte, e no 2018 decantouse pola Ruta da Prata, desde Sevilla. Quería demostrarse a si mesmo e ao resto do mundo que é posible volver a vivir: «Pódese seguir despois dun transplante de medula e esa é a mensaxe que quería transmitir. No camiño contáballe á xente a miña experiencia, dicíalles que nesta enfermidade, cando te ves enganchado a unha cama, pensas que non podes levantarte, pero se te moves, se colles aire de novo, si que é posible».

El tivo a fortuna de poder recibir as súas propias células, aínda que xa estaba en marcha o procedemento para un posible transplante a través dun doante. Foi consciente polo tanto da importancia de que haxa persoas solidarias, dispostas a axudar: «Penso que moitos non se animan por descoñecemento e así mo fan saber cando me preguntan como é o proceso para doar. É certo que é un pouco máis aparatoso que unha doazón de sangue, pero aínda así é algo moi sinxelo».

Compartir a experiencia

Compartindo camiñadas con Manoli Filgueira, soubo da existencia de Asotrame e Javier Castro non dubidou en poñerse ao servizo desta entidade: «Ela animoume a aproveitar os camiños para divulgar o labor que realiza a asociación e, por suposto, animeime. Neste tipo de enfermidades, cando tes o gran baixón, é fundamental contar con persoas que che poidan narrar a súa experiencia».

Sabe que, como lle ocorreu a el, moitos recibirán a diagnose do linfoma de Hodgkin sen ter coñecemento algún da enfermidade: «Lembro que o primeiro que fixen despois de saír do hospital foi sentarme nun banco e consultar Internet. Nese momento empezaron a xurdirme os medos e as preguntas. Aí é onde se fai fundamental ter a alguén con quen falar».

A Javier Castro gustaríalle estar o fin de semana en Noia, narrando a súa experiencia e participando na andaina en favor de Asotrame promovida por Senda XXI. Outro compromiso en Ourense impídelle viaxar a Barbanza, pero non quere desaproveitar a oportunidade de lanzar a súa mensaxe: «Se eu o puiden facer, se eu conseguín superalo, pode facelo calquera».

El xa está pensando no que será o seu vindeiro reto. Ten na cabeza dúas alternativas de cara ao 2020: volver a facer o Camiño Francés para pechar o ciclo que iniciou no 2016 ou realizar un percorrido desde Madrid, pasando por León e Oviedo ata chegar a Santiago. Nos dous casos, a idea sería cubrir uns mil quilómetros, que é o fixo nas aventuras anteriores.

E cando se sinta con máis forzas, a Javier Castro gustaríalle dar a volta a Galicia correndo: «Teño gañas tamén de afastarme do camiño, que se está volvendo demasiado comercial». Levará sempre, iso si, a mensaxe de Asotrame por bandeira.

Andaina solidaria. Senda XXI programou para o domingo dúas rutas, de 25 e 10 quilómetros, co fin de recadar fondos para Asotrame. As inscricións realízanse en Galitiming.

Charla previa. O sábado (Casino, 12.00) haberá una charla sobre a doazón de medula e órganos.