Lume

UXÍA CASAL

BARBANZA

CEDIDA

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os días, cando miro a prensa, teño a esperanza de que non saian máis novas da matanza; cada día esa esperanza morre cribada polo desatino. En tempos remotos queimaban as mulleres en fogueiras cando as denunciaban por bruxas; pouca defensa podían achegar ante unha acusación que non había xeito de probar, mais os outros aceptaban cos ollos pechados. Hoxe non hai fogueiras desas, a sociedade non o permitiría, mais abonda que un home as coide propiedade privada e pretenda que actúen segundo os seus desexos, para -no caso de non o facer- pensar que está no seu dereito de eliminalas. Hoxe o lume converteuse en calquera outra arma, útil para o mesmo fin: destruír e impedir a liberdade. E así, día tras día, vemos como unha e outra e outra caen baixo as gadoupas de animalias que non saben adaptarse ao mundo actual nin comprenden que o dereito humano máis básico é a vida, e que ninguén é dono da vida doutro; que non saben respectar as diferenzas que nos enriquecen, que nos fan seres humanos completos; animalias que ignoran o significado da palabra evolucionar. A pulsión por dominar ao seu antollo a quen cre inferior ou sabe que é superior lémbrame que a ansia de poder, mal entendida, produce monstros.