Mariña Barreiro: Unha década loitando polos dereitos bosnios

Uxía Pérez / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Traballa dende o 2010 na defensa das persoas máis oprimidas do país, sobre todo os homosexuais

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a Bosnia e Hercegovina grazas a unhas prácticas na embaixada. Isto foi no 2010 e dende aquela, a noiesa Mariña Barreiro Mariño segue afincada no país. Estudou Ciencias Políticas na USC e especializouse en relacións internacionais. Marchou a Madrid e alí entrou na escola diplomática: «Os meus intereses principais eran a seguridade e a prevención de conflitos. Pareceume moi interesante ver como xestionaban o tema da posguerra».

O panorama que se atopou foi o dun país que apenas 15 anos atrás se vira somerxido no escenario bélico máis catastrófico da súa historia: «Cando cheguei aínda estaban nunha fase de recuperación. Había moitos proxectos e moita axuda internacional. O problema é que esta atención foi cada vez a menos. Ademais, os gobernos son moi corruptos e a maioría dos cartos quédanse no camiño».

Despois de dez meses en Saraxevo documentando a situación política, Mariña debía volver a Madrid para continuar coa súa incorporación na embaixada, pero optou por outra vía: «Eu quería facer algo con máis proxectos, non só informar de volta a España. Ademais dábame pena deixar o país tan pronto».

Novos comezos

O Sarajevo Open Center era unha das fundacións culturais da capital, pero a chegada de Mariña Barreiro revolucionou a situación. Ela, xunto cun amigo seu, creou unha nova sección para amparar ás persoas do colectivo Lgtbiq, completamente invisibles alí: «En Bosnia e Hercegovina non había ningunha asociación deste tipo e o tema era moi tabú. Por non ser heterosexual mátanche a paus e nunca pasa nada, nin os xuíces nin os fiscais loitan contra isto».

En apenas dous anos, o centro pasou de estar formado por tres persoas a estar dirixido por 14, cun presuposto de medio millón de euros: «En moi pouco tempo gañamos moitos proxectos. Tamén creamos o festival de cine Queer, que é a única manifestación deste tipo que se fai alí».

Unha vez o Open Centre de Saraxevo xa tiña asentadas as súas bases, Mariña Barreiro solicitou un traballo na OSCE. A asociación naceu durante a guerra fría e é dende aquela que está enfocada á prevención de conflitos naqueles lugares convulsos que aínda non forman parte da Unión Europea.

Bosnia e Hercegovina é precandidata a ser membro, pero para isto debe cambiar estruturalmente a súa lexislación: «A lei non está mal, pero está feita pola Comunidade Internacional. Como ven imposta dende fóra, non se cumpre».

O primeiro posto que ocupou a noiesa foi o de oficial de dereitos humanos nunha das oficinas rexionais. Despois pasou a ser conselleira de dereitos económicos e sociais, e finalmente fíxose cargo de toda a sección. Na actualidade lidera a un grupo de 35 persoas distribuídas por todo o país. Estas recollen información a diario, datos que máis tarde expertos e avogados estudan e analizan. Mariña Barreiro é a encargada de supervisar este traballo e no caso de que se discriminen persoas ou se violen dereitos, será ela a que teña que dialogar coas autoridades.

Grupos de presión

«Eu fago un pouco o traballo dun lobi, para que o goberno cumpra cos cometidos. Como eu son unha estranxeira, prefiro que sexan as oenegués as que leven a cabo este tipo de tarefas», relata. A OSCE é unha organización híbrida que mantén relacións moi importantes con outras asociacións, nas que destacan numerosas entidades locais e outras como as Nacións Unidas, a Unión Europea, o Consello de Europa e a OTAN, que axudan a que o seu traballo sexa máis efectivo.

Mariña Barreiro conta que o último proxecto que levaron a cabo foi a supervisión da reforma sanitaria. Outros dos problemas que asoballan o país e que se tratan dende o seu departamento inclúen «a aposta pola educación integrada e de calidade, así coma o adestramento de xuíces para que protexan os dereitos humanos».

A noiesa leva case nove anos no país e afirma entre risas que «nalgún momento terei que marchar». Os traballadores da OSCE non poden estar nun destino por máis de dez anos, polo que proximamente estará a medio camiño entre Saraxevo e Viena, a sede central da organización.