Un matrimonio rexenta unha pequena tenda, con moitas dificultades para chegar a fin de mes porque teñen que competir coas vendas por internet e cos mercadiños semanais da cidade, que ofrecen mellores prezos porque non pagan impostos. Ámbolos dous son autónomos e teñen que pagar 600 euros ao mes de cota oficial, á parte dos trimestres fiscais, dos impostos municipais e autonómicos. Vamos, dous traballadores sen salario e sen dereitos.
Un bo día pasa por diante un tipo que na súa vida traballou (que non coñece o esforzo nin o sacrificio nin traballar para manter o sistema) e faille unhas pintadas na fachada, o que causa un gran desgusto aos tendeiros, que teñen a fachada coidadiña para ofrecer o mellor servizo aos clientes. Días despois, o Concello obrígalles a limpar as pintadas -porque é obriga dos donos ter as fachadas en bo estado- e píntana eles mesmos para aforrar cartos. Tan bonita quedou a fachada que, semanas despois, volve o pintamuros a facerlle outras pintadas, parvadas de mozo inmaturo. Por sorte, ese artista ten máis de 500 pintadas na cidade e deteno a policía, polo que en conxunto poderanlle reclamar o custo do pintado da fachada, pero aos poucos días o xuíz pono en liberdade por pagar a fianza, unha importante cantidade que os outros nunca puideron aforrar.
Para o xuízo, como é insolvente, o graffiteiro ten xustiza gratuíta (avogados, peritos, procuradores, que pagamos todos), pero os autónomos terán que pagar todos eses servizos, porque non teñen dereitos. Total, como é insolvente, sairá ceibo á rúa a seguir pintando. Xulguen vostedes.