Mary Jo Fernández: Volta a Italia sobre dúas rodas

uxía pérez / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Realizou coa súa parella unha xira en moto de 6.300 quilómetros, que durou 23 días

25 jul 2019 . Actualizado a las 08:39 h.

Mary Jo era unha nena pequena interesada no mundo do motor cando emigrou cos seus pais a Nova York no 1987. Pasou toda a súa estadía alí traballando e tivo tres fillos froito dun matrimonio que iniciou con 18 anos. Mais, seis anos atrás, a carnotá púxolle fin a ese enlace e volveu definitivamente a Galicia coa súa familia. Unha vez aquí, coñeceu a Óscar Lamela, un home que estaba cumprindo o soño da súa vida: andar en moto. Ela comezou a formar parte das viaxes que el facía, pero non como condutora, senón como acompañante. Ao pouco, decatouse de que o que ela desexaba era conducir, e foi a súa nova parella, quen a animou a sacar o carné. Converteuse entón na aventureira que é hoxe en día.

Tiña 42 anos cumpridos cando Mary Jo se fixo co carné. Para adquirir experiencia, mercou unha moto vella e con ela fíxose dona da estrada. Durante os dous anos seguintes, percorreu Galicia enteira acompañada da súa parella. Mais a vontade por seguir descubrindo mundo, fíxolles preparar a súa viaxe soñada por Italia. O seu plan consistía en saír conducindo dende Galicia e percorrer todo o norte de España e sur de Francia, para, unha vez chegados a Italia, votar todo o tempo necesario para coñecer o país por completo.

Para aforrar cartos e poder estender a viaxe todo o que desexasen, montaron no lombo das dúas motos unha tenda de campaña, un colchón, potas, cociña portátil e un longo etcétera que farían que o prezo da súa viaxe baixase considerablemente.

Antes de emprender o camiño, Mary Jo chegou a dubidar da súa capacidade aos mandos da moto, pois as referencias que ela tiña sobre o tráfico italiano non eran as máis positivas. As clásicas escenas de cine nas que as scooters enchen as estradas das cidades, entraban en conflito coa súa idea de viaxar sobre as rodas da súa nova Kawasaky Versys de 650 centímetros cúbicos.

Pequeno susto en Mónaco

Ela e a súa parella xa tiñan todo o necesario para emprender a ansiada viaxe, a cal comezou atravesando todo o norte de España. Unha vez en Francia, tamén visitaron o sur do país quedándose en cidades que aínda non coñecían, como Montpelier ou Niza. Ao pasar a fronteira francesa e chegar a Mónaco atoparon o primeiro imprevisto: «Parounos a policía no circuíto de Fórmula 1. Pasamos por aí unha semana antes da carreira. So foi unha parada rutineira, pero ao principio asustámonos moito».

Unha vez superados estes tres países, por fin chegaron a Italia e a primeira parada foi Pisa. Dende alí percorreron toda a Toscana, Siena, Roma e moitas outras cidades ata chegar ao sur. Despois subiron cara o norte, seguindo a liña da costa este do país ata chegar ata Venecia. Os aventureiros visitaron o Lago di Como e posteriormente foron ata o sur de Suíza antes de emprender o regreso a Muros.

É curioso pensar como saíron da casa, sen ter nada preparado, pois, segundo apunta a viaxeira: «Iamos quedando en cámpings, durmíamos onde e cando chegabamos. Non nos preocupabamos por realizar ningún tipo de ruta prefixada. Tampouco tiñamos preparados horarios ou tempos establecidos que tivésemos que cumprir».

Durante o camiño de volta coñeceron a un feixe de persoas: «Viñemos coa bandeira de Venecia enganchada na maleta da moto, o que propiciou que a xente nos falara e nos preguntara se era certo que chegabamos dende alá. Pois vían as matrículas das motos de España e a bandeira italiana e sorprendíase».

E así pasaron 23 días nos que esta motorista novel e a súa parella percorreron toda Italia en moto, coa compañía o un do outro e coa casa ás costas. Quen lle ía dicir á pequena Mary Jo que o seu soño de converterse en motorista e percorrer o mundo enteiro se faría realidade.