Os oligopolios mundiais crearon unha ferramenta que axuda aos gobernantes a calmar os ánimos das masas, reducindo os posibles conflitos, tanto públicos como privados, que puideran xurdir nos tempos de crise. Aos cativos pónselle diante, dende o berce, para mantelos calmados, case dopados. Xa non sabemos adestrar aos nosos fillos e netos na educación necesaria sen a súa axuda. Impleméntaselle e faise o silencio, non precisamos educalos. Antes incluso da adolescencia sérvelles para facerse importantes dentro do clan, da manda, dos amigos, porque van adestrando para o que lles vén no futuro. Sen el chega a frustración, o desprezo, a marxinación.
A partir da adolescencia, constitúe un recurso de supervivencia na sociedade que nos crearon e a que nos alienamos, somos incapaces de vivir máis dun minuto sen botar man del. Cando formamos unha familia, ademais de utilizalo para o que comentei no primeiro parágrafo, somos quen de estar na mesma mesa sen comunicarnos, sen falar entre nos. É un elemento máis da estrutura de composición de calquera mesa de xantar, aínda que non apareza nos libros de protocolo, aínda que non saibamos se vai a esquerda do prato ou a dereita.
Os cidadáns contemporáneos percorren as rúas das cidades con el na man, sen perdelo de vista, sen mirar por onde camiñamos, ata no propio coche -estando prohibido-. Tanto que sociedades modernizadas e alienadas como a chinesa xa incorpora vías especiais no urbanismo das cidades para circular con el, sen necesidade de precaucións adicionais. Sobra dicir o nome dela.