Encher o rural

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

11 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova lei de rehabilitación tamén abre a porta a unha iniciativa que, aínda que non estea contemplada, é posible e apunto, por se algún alcalde quere poñela en marcha. Esta semana asistimos pasmados á noticia da ONU que sinala que o modelo do minifundio galego vai ser a clave para erradicar a fame do mundo, cando unha boa parte dos galegos abandonan o rural e denigramos o sistema minifundista herdado de séculos. Eu, que levo tempo defendendo que é posible manter vivo o rural se nos organizamos de xeito cooperativo, porque as redes contemporáneas -tanto as virtuais como as de distribución- pódennos permitir poñer un monllo de grelos na outra cara do planeta en poucas horas.

Utilizar a imaxinación e a creatividade da que presumimos como pobo, deixar a un lado o individualismo, a aproveitar as fortalezas que temos: o clima, a estrutura territorial, a auga, a nosa tradición gandeira. O artigo 62 da nova lei permítelle á Xunta declarar núcleo rural en estado de abandono a calquera das 3.562 aldeas que xa non teñen habitante ningún, facilitando actuacións integrais de rehabilitación da man de terceiros (empresas, axentes inmobiliarios) e cooperativistas organizados. Non é tan complicado, só precisa abrir rexistros de demandantes de vivenda para rehabilitar, organizalos en réxime de comunidade e acceder a préstamos sen xuros e subvencións a fondo perdido, estatais e autonómicos, talvez municipais en forma de exención de impostos. Onde escoller hai abondo, o número de aldeas baleiras aumenta progresivamente, cada semana hai unha máis e así levamos varios anos.