David Trillo: «Os meus xoguetes eran a chalana e os remos e o campo de xogo, o porto»

Criouse en Brens entre os mercantes nos que traballaba seu pai e quedou para sempre namorado dos barcos e a actividade do mar


cee / La voz

David Trillo Gallego (Cee, 1978) xa estaba, en gran parte, predestinado por tradición familiar, pero a súa infancia, a vida diaria no porto de Brens e, sobre todo, unha enorme paixón persoal acabaron de convertelo nun mariño, que goza da profesión ao máximo e vive por e para o mar, ata o punto de que cando desembarca dos remolcadores de altura que patronea, xa ten preparado outro traballo, tamén a flote.

«Son fillo, bisneto e sobriño de mariños mercantes», explica, para recalcar que lle vén de familia, e non só iso, porque el mesmo comezou a navegar xa antes de nacer. «Na barriga de miña nai», aclara, porque ao estar seu pai embarcado, acompañábao nas travesías polo mundo e, de feito, nunha delas quedou en terra precisamente para traer ao mundo a David, que foi aprendendo inglés -algo despois vital para o traballo- movéndose entre os mercantes que chegaban ao peirao de Brens, do que sempre di que: «os meus xoguetes eran a chalana e os remos e o campo de xogo, o porto». Tan ligado estivo dende neno á actividade, que unha das fotos máis icónicas do accidente do Cason -un cargueiro que naufragou en Fisterra o 5 de decembro de 1987- é a del de neno entre os bidóns de químicos (dise incluso que algúns con cargas radioactivas) que se levaron a Brens, despois do sinistro, que deixou varias vítimas mortais e provocou unha evacuación de poboación masiva na Costa da Morte. «Cada vez que vexo a foto aínda me vén aquel forte cheiro a produtos químicos».

O que comezou como un xogo, como o resultado da curiosidade infantil, acabou sendo unha profesión e un xeito de vida. Con 22 anos, Trillo xa era patrón maior de cabotaxe e, con 24, converteuse no patrón máis novo de Salvamento Marítimo, onde estivo, por exemplo, rescatando inmigrantes en Motril (Granada).

Percorrido polo mundo

Actualmente percorre o globo cunha empresa holandesa de remolcadores de altura. «Dei a volta ao mundo dende as antípodas australianas ata China, África, mar Negro, gasodutos do Báltico, anclaxe de plataformas no mar do Norte, búsqueda de bombas da Segunda Guerra Mundial, remolque de gabarras para as illas artificiais do golfo pérsico...». Asegura Trillo que «este tipo de traballo non é un traballo, é unha aventura, porque ninguén sabe que che pode pasar, non tes horarios, nin plans, hai ataques piratas... Son xornadas de mínimo 12 horas diarias, moitas veces con temporal, onde caes da cama, non podes comer, nin darte unha ducha tranquilo... Navegas polo mundo para non ter que emigrar e ter que vivir fóra de Galicia, aínda que eu digo moitas veces que non quero ser un lobo mariño, quero ser un humano mariño», porque as duras condicións son causa de que falte relevo xeracional no sector, di o navegante.

A David Trillo gústalle explicar que no que denomina o seu «cárcere flotante», é feliz, aínda que teña anécdotas para aburrir. Moitas delas divertidas ou nostálxicas, pero tamén algunha verdadeiramente perigosa. Tivo épocas de ter que durmir fechado ou de traballar cos piratas dando voltas a só unhas millas. Mesmo no Báltico, un tripulante ruso borracho chegou a atacalo. «Cortou as venas, rompeu a cama e tivo que vir buscalo a policía», recorda.

Tamén no 2014, cando traballaban a 90 millas de Angola, pasárono realmente mal, por falta de relevo e porque estaban case a quedar sen víveres. «Ao pasar dos 42 días dixéronlle que tiña que estar outra semana máis e tirouse pola borda. Atendeuno un médico das plataformas e decidiron desembarcalo a Luanda nunha lancha e levalo ao hospital. Unha vez en terra volveuse tirar ao mar polo peirao», relata Trillo, para quen todo isto é case unha broma, se o compara cun cociñeiro coñecido del que «botou 19 meses nun petroleiro».

«Gústame moito coñecer da man dos mariñeiros vellos a toponimia dos sitios»

David Trillo nin tan sequera cando está en terra lle vira as costas ao mar -o bo mariñeiro din que non o fai nunca-, porque é quen de levantarse de madrugada para ver o atraque dun gran buque en Brens, para seguir a evolución dun temporal e mesmo para controlar que tipo de buques pasan polo corredor de Fisterra.

É tal a devoción, que mesmo buscou unha ocupación alternativa, tamén no mar, para cando non está embarcado polo mundo adiante. «É unha idea que xa tiña dende hai tempo, para compatibilizar co traballo nos remolcadores, no tempo que non estou embarcado, porque a min gústame moito a natureza, a fotografía, a cultura, coñecer da man dos mariñeiros vellos a microtoponimia dos sitios,.. Por iso o de Taximar pareceume un concepto orixinal e bonito».

O taximar do que fala é unha moderna embarcación, a Robinsón da Lobeira -polo alcume do propio Trillo, tamén un apaixonado destas illas na ría de Corcubión- coa que ofrece paseos por toda a Costa e experiencias únicas para grupos reducidos. Navegar, ou conversar con el xa é toda unha experiencia, porque mantén posicións moi activas co seu ideal galeguista e de defensa da xente do mar.

Unha demanda

«Hoxe non quedan navieiras serias. Temos que recuperar a mariña mercante nacional, dignificala. Non pode ser que todos os días nos portos galegos estean entrando e saíndo mercantes con tripulacións das antípodas, de empresas inglesas e holandesas e abandeirados en moitos casos en paraísos fiscais, mentres miles de mariñeiros galegos, vellos e novos, están no paro».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

David Trillo: «Os meus xoguetes eran a chalana e os remos e o campo de xogo, o porto»