Paisaxe marítima


Un vaso de iogur, unha botella pequena de auga e unha bolsa baleira de pipas. Plásticos abandonados na area. A luz de maio reflíctese neles coma se fosen espellos opacos. O paseo resultaría máis agradable se non fose este nordés que arrefría as orellas. O iris quere gozar do contorno. Mais é tan inevitábel como imposíbel seguir coa mirada o periplo tolo do lixo esparexido. De súpeto, un anaco de mangueira e un envase de deterxente líquido.

Fixen moitas veces este percorrido e lembraba unha paisaxe diferente. No pensamento xorden esas imaxes que se repiten unha e outra vez nas redes sociais, nos telexornais. Peixes enfermos e moribundos nun océano anegado de plásticos. Fotografías de milleiros de bolsas amontoadas e obxectos diversos flotando na auga salgada.

Din que camiñar con frecuencia, mergullados nun ambiente natural, aumenta anos de vida. Pois hoxe percibo un desacougo pouco saudábel. E ao mesmo tempo que avanzo pola pasarela de madeira non deixo de cavilar na ausencia de medidas contundentes e efectivas que reduzan o uso deste material na vida cotiá. Porque agora todos sabemos que só se pode reciclar e volver usar unha cantidade mínima. E tamén que unha organización como Greenpeace leva razón denunciando, dende hai décadas, que as políticas medioambientais son erróneas e incoherentes. Dalgunha maneira semellan seguir estando ao servizo de intereses comerciais e consumistas que non lles preocupa o cambio climático nin a desfeita ecolóxica dos nosos mares.

E, mentres chego ao final do paseo marítimo, percibo, outra vez, ese vento húmido e desapracíbel batendo con forza no meu peito. E síntome culpábel por continuar coa miña andaina, como se nada, dándolle ao maxín, pero sen recoller un só anaco de plástico en todo o traxecto. Porque talvez, como di o escritor Manuel Rivas en Contra todo isto. Un manifesto rebelde, aínda pertenzo «a esa parte do mundo que vive no hipermercado».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paisaxe marítima