Comarca

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os partidos políticos son moi curiosos: por unha banda absorben como esponxas determinadas tendencias gráficas, modas sociais, palabras de moda: todo aquilo que queda ben, pero que non implica cambios de fondo. Pero en canto a cambios de fondo, a iniciativas innovadoras e audaces, son reaccionarios como un pelouro da Curota.

Estívenlle botando un ollo aos programas dos partidos políticos da comarca e son pasmosamente aburridos. Como a comarca xa ten case todos os equipamentos públicos precisos, ao final o capítulo das infraestruturas parece un catálogo de xardín dun centro comercial: todo son bulevares e xardineiras. Pensar en cemento e asfalto é doado: só tes que imitar a outro que xa o fixera antes. Destinar eses recursos a políticas culturais, sociais ou económicas implica pensar moito máis.

De todos os xeitos, para min o máis desesperante é a ausencia de enfoque comarcal. Desengánense: xa non viven en concellos. Na nosa comarca son unha reliquia institucional do pasado. Todos facemos vida comarcal para todo: traballamos alí, casamos acolá, bebemos aquí. É ridículo seguir multiplicando custes de servizos que poden ser racionalizados: os problemas do Cabo de Cruz son os mesmos que os de Palmeira, ou cando menos teñen solucións similares.

Gustaríame ver programas nos que as mancomunidades fosen alén do turismo e do lixo, avanzando nunha integración que é fundamental para competir no futuro de unidades grandes. Déanlle unha volta e xa verán como non ando moi trabucado.