O sabor dos morotes

BARBANZA

matalobos

matalobos

Caía a tarde cando entrabas na aldea. Había unhas ovellas nun prado chamando polos seus años. E de seguido pensaches: esta lingua entendiámola nós cando eramos uns rapaciños. Tamén nosas nais chamaban por nós. Naqueles tempos, mesmo antes de ir á escola, descubrimos os catro elementos. E cando aprendemos a primeira das catro regras, xa tiñamos elixido os nosos preferidos: o lume, porque nos quentaba no inverno, e a auga porque era coa que apagabamos a sede e ademais, despois das nosas nais, a súa música era a que mellor nos arrolaba. Tamén axiña soubemos que coa a auga lavábase todo, mais non servía para limpar os nosos pecados mortais segundo nos informou o cura.

Tal vez naqueles anos aínda non eramos conscientes, pero xa intuíamos que a auga fresca, tal como a experimentabamos na madrugada da noite de San Xoán, espertaba e rexuvenecía os nosos rostros e os nosos peitos, o corpo no cal estamos destinados a envellecer. Nas mañás da auga das herbas, que perfumaba todas as casas, percibiamos que as nosas caras abríanse á enerxía de mirar, mesmo á de ver o que outros non vían, pero non o contabamos para que non se riran de nós ou nos chamasen toliños.

Coñeciamos a auga salgada, a do mar. Todos eramos fillos de labradoras e mariñeiros e a meirande parte das xentes da aldea gañaban a vida no mar e na praia. E á vez ocorría que todos nós desexabamos ser protagonistas das fantásticas aventuras que lles escoitabamos aos mariñeiros, aos homes do mar, ese espazo acuático sen horizonte definido, ese espazo proceloso no que os mariños se expoñían a perigos inimaxinábeis para nós. Sabiamos diso nas noites de temporal ou de néboa pechada cando nosas nais choraban e rezaban mentres os homes falaban e fumaban no pequeno peirao. Tamén ti pensabas nesas enigmáticas paraxes salgadas, axitadas por ventos furiosos e con ondas de cristas brancas sobre as que navegaban ás escuras barcos de madeira a vela. Mais xa adiviñabas que eses escenarios non eran os máis favorábeis para os teus soños segredos.

Compañeiros, tanto os que vos gañastes a vida no mar coma en terra, arestora dígovos que os nosos heroes mariños sempre viñan de moi lonxe. Sempre falaban do que estaba moi afastado de nós. Ningún dos seus relatos estaba relacionado coa ribeira, coa terra, onde nós viviamos coas nosas nais e irmás. É certo, o mar era e é fabuloso. Mais aínda semellaba que o era moito máis cando o relator era o viaxeiro que acadara os mares máis remotos e exóticos, coma os que ían ao bacalao ao jransol, ese misterioso e mítico lugar da nosa infancia. En efecto, o mar daba para falar sobre o que se atopaba moi afastado de nós. Mais ti non soñabas con nada diso. A materia que alimentaba os teus soños era o que viamos, o que tocabamos, escoitabamos, mesmo o que comiamos. O pano dos teus soños tecíase co fío do cotiá.

Páraste á beira dun muro. Hai morotes silvestres. Lembrades, compañeiros, o sabor dos morotes? Saboreándoos recordo que sabiamos do regato, do río, da fervenza, porque falaban nunha lingua que non se ensinaba na escola. Aprendémola de xeito natural: a fervenza é estrondosa e estrepitosa, o regato balbucea e o río canta ou roxe. E do mesmo xeito que sabiamos que a cheminea era o camiño da fumareda cara ao ceo, así nós nunca nos libraremos do recendo da aldea, do noso acento. Isto é así porque, para ben ou para mal, fomos criados con boroa e amorodos silvestres, entre o perfume da caña, da froita madurada entre o centeo e do viño novo. Ocorre o mesmo co teu perfume, miña rosa silvestre: acompáñame dende que te coñecín, coma me acompaña o aroma do pantrigo que enchía a nosa casa nos días de festa.