Volver para lembrar

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

02 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei moi ben que pensar destes resultados electorais. Se cadra se deba a que adoito observar a política española coma desde o miradoiro da Curota. Interésame pero fágolle máis caso ao que se ve en Boiro ou na Pobra ao do Grove ou Cambados. Como moita xente, non só sentín alivio de que se freara (un pouco) a ameaza pantasma que viña dos fillos terceiros das boas familias de Madrid, senón que desde Galicia se contribuíra a que o mal non fora tan malo.

Aínda así, unha análise con lupa, colexio por colexio, dos resultados dese partido de señoritos do terceiro ou quinto gintonic revela que en moitos dos nosos concellos había douscentos ou trescentos votantes que optaron pola tan perigosa e irresponsable ultradereita. Síntoo porque non puiden deixar de pensar en que moitas desas persoas deben traballar elas ou os seus fillos para unha Xunta que Vox quere reducir a festival de cantos rexionais. Temos tantos séculos de lavado cerebral que celebramos con aplausos as pedras que se tiran contra o noso tellado.

Está claro que Galicia debe pensar cal debe ser no seu futuro o seu papel no Estado. Como dá a impresión de que todo nos vén dado, eu propoño que suprimiramos a Xunta e volvamos ao tempo no que tiñamos que subornar con capóns e lacóns a altivos funcionarios de Madrid, perfectamente subornables. A pagarlles as vacacións nas nosas casas e ir á Coruña a axeonllarnos diante dalgunha samesuga ministerial. A ver se así conseguiamos descubrir dunha vez para que vale ter un poder propio de Galicia coma o que temos.