Juan Manuel Moreiras, Banana: «A clave de todo este éxito é delas»

O técnico é testemuña do abraiante pulo que está a experimentar o bloque de mulleres de San Lázaro este curso


Ribeira / la voz

Juan Manuel Moreiras Ríos, máis coñecido como Banana no mundo do fútbol, é o adestrador dun bloque que, en menos dunha temporada, multiplicouse en número, compromiso e calidade para consolidar o que pode converterse no gran proxecto do fútbol feminino en Noia. Este conxunto, que comezou a competir en fútbol 8, disputou o domingo a ida de oitavos de final da Copa do Sar, impoñéndose ao Carreira por un 2-1.

-Como comezaron o proxecto?

-Nun principio queríamos facer equipo se chegaba a constituírse a liga de fútbol 8, pero houbo un malentendido e acabamos empezando case ao inicio desta. Lembro que nos reunimos un luns e contabamos cunhas 10 rapazas, algunhas que nunca xogaran ao fútbol. Foi case un lóstrego. Non fixemos pre temporada e non tiñamos nin porteira. O primeiro encontro perdemos 4-2, con tan só catro días adestrando. Pero fóronse sumando futbolistas que xogaran anteriormente noutros equipos e pouco a pouco chegamos á data de hoxe, con 23 fichas e tres xogadoras sen ela que se están a preparar con nós.

-Cal foi a clave deste pulo?

-É sinxelo. A clave de todo este éxito é delas, sobre todo das que formaron o equipo dende o comezo como Susana, Mari, Olaia e Lucía. Foron avisando á xente e remarcando que isto ía en serio. Outro dos factores que fixeron isto posible, pois adestrar a 25 rapazas é complicado, foi que M. J. estea a preparar ás porteiras. Ademais, teñen un grupo incrible, cun moi bo ambiente que une a rapazas de 17 anos con mulleres de 40.

-Como foron evolucionando os adestramentos co cambio de disciplina ao fútbol 11?

-Adestramos dous días á semana sempre a fútbol 8, pero cando somos moitas facemos fútbol 11. Notouse a diferenza na capacidade física, xa que no primeiro pódese entrar e saír do campo sen límites, mais levamos unhas tres semanas centrándonos no segundo, de cara á Copa do Sar. As xogadoras cada vez collen mellor posición táctica e asimilan conceptos como o control e a reserva de enerxías ou a saída do balón. Ás veces é complicado cadrar entre estudos, traballo e familia, pero todas adoitan a cumprir sempre.

-Cre que este pode ser o piar do fútbol feminino noiés?

-Si, xa que no fútbol sala tamén se está armando un equipo feminino. É importante porque non é o mesmo ter o equipo preto da casa que cando acabas como cadete e tes que marchar fóra a outro conxunto como o Boiro, o Aguiño, o Carreira... etc.

-Competirán na segunda división feminina o vindeiro curso?

-Está clarísimo, só pola cantidade de rapazas que temos. Tamén manteríamos o conxunto de fútbol 8 para as que acaben de incorporarse e así funcione como un trampolín ao de fútbol 11.

-Como se viron contra o Carreira?

-Ben. Xogáramos só un partido desta modalidade co Boiro e, a pesar de que perdemos, creo que tamén aguantamos ben. Sen embargo, os resultados son o de menos, o que de verdade quería é que se adaptaran ao formato do fútbol 11 e están a facelo.

-Podemos falar de obxectivos?

-É complicado. Antes vían o fútbol como unha afección, pero o de gañar xa lles vai gustando. Ao comezo era todo unha incógnita, pero de xogar para pasalo ben chegamos a ser terceiras na liga.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Juan Manuel Moreiras, Banana: «A clave de todo este éxito é delas»