O Instituto Cervantes pon «Rianjo» e «Puebla» de moda

A institución recomenda o uso castelanizado dos topónimos en contra do criterio da Academia Galega e da propia lei


Ribeira / La Voz

Trala polémica que se creou, sobre todo nas redes sociais, co ditame da Real Academia Española (RAE) sobre o uso de topónimos como «Sangenjo», o Instituto Cervantes publicou hai unhas semanas un libro que resolve as dúbidas máis comúns no uso do español no que volve sobre esta cuestión amosando unha opinión moi similar. A institución recomenda empregar os nomes de lugares castelanizados e pon de moda, seguindo ese criterio, «Rianjo», «Noya», «Puerto del Son» ou «Puebla del Caramiñal» para referirse aos municipios da bisbarra barbancesa.

Segundo o Instituto Cervantes e a súa publicación Las 100 dudas más frecuentes del español dada a coñecer hai unhas semanas, no caso de que existan dúas formas para un mesmo topónimo debido ao bilingüismo debe empregarse a forma castelanizada cando o resto da frase se exprese en español. Os responsables do libro explicaron que na maior parte dos casos aplícase un enfoque flexible e en moitas ocasión o volume sinala o que é aceptable, preferible ou non recomendable. Porén, no caso da toponimia, ese criterio vai en contra da lexislación.

Norma específica

En Galicia existe unha Lei de Normalización Lingüística que recolle textualmente que «os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega», pero nin a RAE nin o Instituto Cervantes teñen isto en conta, en contra da postura da Real Academia Galega (RAG), onde este tipo de recomendacións provocan malestar, sobre todo por reiteradas.

Hai uns meses, foi a academia española a que avivou a polémica ao recomendar as formas «Sangenjo» e «Rianjo» no canto dos nomes galegos e oficiais. Ante a consulta formulada, precisamente, por un veciño do municipio rianxeiro a través das redes sociais, a RAE reafirmouse na súa opinión e respondeu que a grafía tradicional en lingua castelá é «Rianjo» e que existe documentación neste sentido dende finais do século XVI.

Expertos en toponimia consideran un despropósito que se dea preferencia á forma castelanizada dos nomes de lugar, primeiro, porque é contraditorio co que di a lexislación e, en segundo lugar, porque supón unha «agresión» e unha «falta de respecto» á cultura galega.

En termos máis suaves, pero igualmente críticos, se expresaba o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes: «Os nomes de lugar son a memoria histórica dun país e é un patrimonio que ao longo dos séculos, en moitos casos miles de anos, se foi construíndo. O recoñecemento dos nomes de lugar é o recoñecemento dos nosos devanceiros».

Firme defensa

Sobre os criterios para recomendar as formas castelanizadas, é claro: «Non entendo por que temos que alterar ese patrimonio histórico, e máis dentro do noso país. Dentro de España deberían respectarse os patrimonios lingüísticos, que son de todos, non só dos galegos». Neste sentido, reitera que «respectar a nosa memoria é respectar os nomes das nosas vilas, lugares e aldeas».

Freixanes cualifica de «premodernidade que cría superada» este afán castelanizador e reitera que a Academia «é moi firme na defensa da toponimia» e que leva anos traballando na súa recuperación.

En relación con isto, a entidade está a ultimar a revisión do nomenclátor, mentres segue a desenvolver un importante labor de recollida e recuperación da microtoponimia: «Temos unha enorme riqueza, un terzo da toponimia de España é galega».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

O Instituto Cervantes pon «Rianjo» e «Puebla» de moda