José Santamaría «Chega un momento no que, por moito que adestremos, imos a menos»

O pobrense leva máis dunha década competindo cos mellores corredores de Galicia e España


Hai pouca xente que personifique á perfección a redención do ser humano a través do deporte como José Santamaría (A Pobra, 1948). Tras fundirse no barro en tempos pasados, o barbancés leva xa unha década no máis alto do podio. A última vez que subiu foi a comezos deste mes, no Campionato Galego, onde o veterano velocista mordeu dous novos ouros nas probas de 60 e 200 metros lisos.

-Segue en plena forma. Suma xa unha boa tempada mordendo metais sen parar.

-O certo é que o galego déuseme ben. Levo xa uns 16 anos competindo. De fai unha década para aquí conseguín ser campión varias veces, tanto nos 60 como nos 200 metros lisos. Tamén nos 100, pero iso xa corresponde coas probas de verán.

-Sempre lle foron as distancias máis curtas?

-Gústame a velocidade, son un velocista. Esas probas son aceleración pura. Os 200 metros xa me custan un pouco máis, fáltame un pouco de resistencia.

-Con 70 anos, que é o que lle leva a seguir adestrando?

-Para serche sincero é porque me permite acadar unha calidade de vida maior. O correr e competir esíxeche un adestramento de varios días á semana, que me axuda a facer moitas cousas que, sen isto, estaría privado. Dáme axilidade, flexibilidade... Podo facer certos xestos na vida cotiá que unha persoa sedentaria sería incapaz. A competición, ademais, obrígame a non deixarme levar, aínda que as probas veteranas sexan un pouco frustrantes.

-E iso?

-Chega un momento no que, por moito que adestremos, imos a menos. Cada ano as marcas son peores que o anterior. Ves como, pouco a pouco, te vas deteriorando. Non é como coa xente moza, que cada ano mellora.

-Como comezou vostede?

-Empecei a adestrar logo duns anos de inactividade. Estaba limitado. Entre os 35 e os 48 anos só bebía e fumaba. Estaba mal. Foi aí cando comecei a adestrar e con 52 a competir. Fun mellorando as marcas ata os 60 anos, recuperei musculatura e adquirín velocidade. Con 60 cheguei ao tope e agora cada ano que pasa perdo algo. Ao principio era unha décima, logo medio segundo...

-É lei de vida non?

-É frustrante, pero tamén pensas que, se non fixera nada, como estaría? Os que adestramos e competimos podemos observalo moi ben coas nosas marcas. Podes velo tamén como que é un estímulo, porque dun ano a outro ves como lle recortas distancia aos rivais. Iso indica que, aínda que perdes, os teus compañeiros fano máis ca ti. Cando tiña 30 anos medía un metro 65, agora, con 70, recuperei a miña estatura. Son máis alto. Todo polos estiramentos que fago.

-Ten esta semana o campionato de España. Que meta se marca?

-No 2012 xa fun campión nacional nos 200 metros. As cousas cambiaron, pero intentarei sacar medalla. A meta é quedar, polo menos, entre os cinco primeiros, que é onde me atopo agora na clasificación estatal.

-Que tal se atopa no Atletismo Barbanza?

-Moi ben, Lardo Moure é quen me leva. Está moi capacitado para adestrar. Sigo os seus consellos. Aínda que os veteranos coñecémonos ben, sempre é bo manter a un técnico, para non racanear nas sesións. Esíxeme un pouco máis, polo que me permite manterme nun bo estado físico.

-Aos seus 70 anos, que lle diría a unha persoa da súa idade que é sedentaria?

-O meu consello é que se aforrarían moitos accidentes en caídas. Creo que con andar unha hora diaria, cambiando o ritmo, variando entre máis apurado e máis lento, xa sería suficiente. Estaría ben facer estiramentos antes e despois dese exercicio.

-Entendo que o deporte é unha parte moi importante da súa vida.

-Para min, estando xubilado, é o 60 % da miña rutina. Se non fora por adestrar e o atletismo non sei que faría, doulle máis importancia incluso que á lectura. Faime encontrar fisicamente ben, e iso tamén me axuda mentalmente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

José Santamaría «Chega un momento no que, por moito que adestremos, imos a menos»