Emigrantes retornados

La Voz BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

11 mar 2019 . Actualizado a las 10:27 h.

Fai anos estiven destinado no instituto de Bacharelato de Cee, ao lado estaba o de FP cunha dotación de material que poucos centros en España tiñan. Tanto o edificio como a súa dotación foran doados por un emigrante, Fernando Blanco, que pensaba, coma moitos, na educación fronte á emigración. Cando retornaron os restos de Castelao, viñeron acompañándoos emigrantes de Arxentina e Uruguai, que non foron ao acto oficial celebrado en Bonaval, senón que preferiron celebralo en Rianxo, fronte ao seu busto de bronce, doado polo Centro Galego de Montevideo. A semana pasada estiven no cemiterio de Mondoñedo visitando a tumba de Cunqueiro, a de Pascual Veiga e a de Leiras Pulpeiro, a súa lápida foi financiada por emigrantes, que viron nel o apóstolo dos traballadores. 

O himno galego estreouse na Habana e A rianxeira compúxose en Bos Aires; estes feitos falan da vida dos emigrantes galegos que, por todas partes, séntense orgullosos do seu. Non fai moito, un capitán da mariña mercante contoume o orgulloso que se sentiu ao ver que na Quinta Avenida, o Día da Hispanidade, desfilaba a banda de música da Deputación de Ourense tocando a Alborada de Veiga e o himno do Antigo Reino de Galiza

No 2009 estiven en Bos Aires. Visitei unha residencia, na que a maioría eran galegos. Nunha cadeira de rodas, unha muller de cerca de 90 anos acércase a min e dime: «Eu son de Vilagarcía». «Eu de Abanqueiro», repliqueille. Vin como os ollos se humedecían: «Eu xa non volverei, porque a miña pensión non me dá e aló tampouco teño a ninguén, pero tódolos días cando me levanto penso como estará o mar polas Lobeiras ou polas Biriñas».

Así é a nosa xente, e por iso doe que emigrantes retornados se pregunten se fixeron ben volvendo á súa terra e percorrendo rúas e prazas pedindo xustiza. En setembro fixo cinco anos, xa van no alén moitos, porque somos xente de 70, 80 e 90. Saben que non loitan só polo seu, senón por todos os que tiveron que abandonar a súa terra para sacar adiante aos seus. Case todos con achaques, algún grave, pero aí están tódolos mércores finais de mes. Temos que convencelos que fixeron ben retornando, que a súa terra é máis deles que de ninguén, que esta inxustiza ten que rematar, que non pode ser certo que os estranxeiros xubilados que nunca traballaron en España agora veñan aquí e non teñan obriga de declarar, e os nativos traballando fóra para poder manter aquí a súa familia sexan tratados como defraudadores. Portugal solucionouno, nós, como nos barcos do Gran Sol, pola popa, coma sempre.

Os retornados estafados, os de Noruega abandonados, a emigración que non para, o Estado amnistiando aos alegres evasores e asfixiando aos suorentos importadores, será a modernidade?. Xosé Deira. Boiro.