¡Silencio!

BARBANZA

04 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Está claro que as tecnoloxías e avances técnicos nos facilitan a vida a todos e constitúen ferramentas moi útiles, sobre todo cando se empregan como é debido. Con todo, esta voráxine mecánica ten, cando menos, un aspecto negativo: que nos esquecemos do silencio.

Chámenme anticuada, pero eu vino claro coma unha revelación hai uns días cando aproveitando as inusuais temperaturas primaverais -lin por aí que estabamos tendo bo tempo por riba das nosas posibilidades e si, ímolo pagar caro- fun dar un paseo pola praia. Non fun a única que tivo esa idea, claro, había ducias de persoas gozando do bo tempo. E resultou que nese amplísimo espazo aberto me resultou imposible (resultaríalle a calquera) concentrarme na lectura, nin sequera nos meus pensamentos, porque a invasión técnica e tecnolóxica estaba alí, e manifestouse nas súas formas máis variadas.

Comezou co que parecía ser unha ruidosísima carreira de embarcacións pola ría, primeiro cara un lado e logo cara o outro. Un mal menor, nuns minutos a distancia afogou o son dos motores, pero acto seguido tomaron o relevo o que polo visto son os últimos éxitos musicais, a criterio dos grupos de adolescentes que se entretiñan xogando, cantando e gritando pola area. Hai anos había quen ía coa radio para a praia, pero a potencia daqueles antigos transistores non ten nada que ver coa dos modernos altofalantes que funcionan por bluetooth.

Logo comezou a escoitarse un zunido... Era un dron sobrevoando o areal. E para rematar, apareceu un pequeno motorizado no seu coche de batería. Marchei, claro, co meu silencio a outra parte.