Fachadismos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Apasada semana pedíronme ver como rehabilitaban unha casa, tamén coa idea de tramitarlles unha subvención a fondo perdido. Namentres agardei no exterior, todo parecía razoable porque a fachada estaba coma sempre, pero nada máis entrei todo era un baleiro, non había case nada do interior. Recordei un deses dez Ecce Homo da arquitectura española que publicou un xornal de ámbito estatal, no que un deles é La Metalúrgica de Vigo, unha fábrica de latas de sardiñas convertida en sede da Seguridade Social: só quedou a fachada, todo o resto é novo, totalmente alleo á memoria, á estrutura orixinal, unha total ignorancia á historia do edificio.

Temos que meternos na cabeza que deixar as fachadas e no interior construír placas de cemento non é rehabilitación, senón fachadismo. Aínda que sexa o máis común en Galicia, así é como estamos acabando con todo.

As casas vellas teñen escaleiras, pisos de madeira, tabiques fracos de barrote, lareiras, chemineas, elementos tradicionais que nos falan do pasado, e que debemos respectar se queremos ser europeos, se queremos ser respectuosos co que herdamos. Se ignoramos a configuración arquitectónica, baleiramos as casas -ou xuntamos dúas vivendas porque non collemos dentro dunha-, estamos enganándonos a nós mesmos, ignorando o pasado e hipotecando o futuro dos nosos fillos.

Esta é, tamén, unha das eivas que os expertos lle vemos á nova lei de rehabilitación que queren aprobar, que pretende ser moi lasa co patrimonio para favorecer aos que queren vivir ou traballar en edificios maquillados, falsos. Logo imos pasear a Portugal.