O adobío real

francisco ant. vidal  LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

Nótase que estiven no dentista. Nunha completa biblioteca de revistas con máis fotos ca letras, desas que nos gusta follear a todos a pesar de que non todos podemos levar a marabillosa vida dos alí retratados. Por non poder nin podemos afrontar un simple divorcio coa elegancia e bonhomía con que eles o afrontan, convertendo os cornos nunha diadema de diamantes; ou que unha simple discrepancia familiar entre elegantes sogras e noras, se resolva nun salón do Ritz, tomando o té para que o fotógrafo de garda dea fiel testemuña de que alí non pasou nada.

Nesa sala de espera souben da saía de saldo que mercou a nosa raíña e non sabía eu que iso fose motivo de foto de portada, polo que a levei ó noso parladoiro, onde Xulio, antimonárquico convencido, levantou a súa copa á saúde de quen con tal compra vén sendo coma todos os mortais, que agardan as rebaixas de xaneiro como auga de maio para modernizar o seu armario, manifestándose, de paso, diante dunha ducia de cervexas a medio beber, contra os que aseguran que a grandeza e o honor vai nos xenes, proclamando que prefire ser gobernado pola neta dun taxista (segundo a rancia denominación dun afamado periodista da jet set) a que o faga o descendente dun xeneral bonito, como definen os libros de historia ós fillos, fillas, netos e bisnetos da nosa promiscua raíña dona Sabela.

E así, con estes pronunciamentos tan democráticos metémonos nos asuntos da monarquía e a realeza que, se en algo se diferenciou en calquera época e lugar, foi no seu desorbitado gasto en enfeites, excentricidades e atavíos contra os que, por unha vez, a primeira dama, se manifestou sen palabras, fuxindo de ouropeis e lucindo esa insólita saia de 13 euros nun acto oficial. Porque se un personaxe público (di o amigo Xulio) ha de estrear un vestido a cada cal máis oneroso para cada sarao ó que acude, está claro que os presupostos do Estado estaban condenados ó fracaso por moito que subisen os impostos.