Coma Sparrow

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

18 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falaba non hai moito dese romanticismo que habita na derrota. Os que levamos décadas elixindo o bando perdedor xa estamos afeitos a ver de todo e nada nos sorprende máis aló da decepción.

A crónica da ruptura anunciada dende hai xa moitos meses vénse de producir no seo de En Marea. Lonxe de sorprenderme, mesmo diría que é normal. Nos movementos asemblearios a discusión política é permanente. Namentres que nos partidos tradicionais o único que se discute é a comisión a cobrar, nos minoritarios ponse en debate incluso o menú. Iso non é necesariamente malo, pero discusión tras discusión vaise xerando unha ferida de difícil cicatrización. Xa aconteceu noutros partidos. As razón duns fronte ás doutros enchen unha cunca que remata por rebordar. Non serei eu quen xulgue esas razóns, esta columna non vai sobre iso. Vai sobre o esquecemento.

Esquecemento de que hai milleiros de votantes abraiados e frustrados, e o que é aínda peor, o esquecemento de que hai centos de pequenos partidos locais que xurdiron da ilusión e que levan traballando arreo estes últimos catro anos e agora fican sós fronte os depredadores. Os movementos cidadáns de Barbanza teñen que sumar ás súas idiosincrasias municipais as rifas estatais e iso moita xente non o comprende. Mesmo acaba por afectar aos propios integrantes dos grupos. Agora depende das partes enfrontadas non deixar tirados aos que levan anos currando na política local. E de non ser así, das mareas locais depende izar a bandeira pirata ou vermella, recitar a Espronceda e botarse ás fauces do crackenpitalismo coma Jack Sparrow.