Á procura da luz

O Museo do Gravado de Artes acolle a proposta expositiva da recoñecida gravadora, nada en Venezuela pero viguesa de adopción, profesión e corazón, Yolanda Carbajales


O Museo do Gravado de Artes acolle a proposta expositiva da recoñecida gravadora, nada en Venezuela pero viguesa de adopción, profesión e corazón, Yolanda Carbajales, e que certeiramente titula Á procura da luz. Unha denominación que provén do uso da súa especial técnica, isto é, o gravado á maneira negra, á media tinta ou ao fume, inventada polo alemán Von Siegen no s. XVII: sorte de estampación que reproduce transicións de claroscuros con delicadeza e precisión fotográfica en branco e negro, fronte a outros procedementos calcográficos e tamén directos coma o buril, a punta seca ou o punteado. Moi empregada no retrato ao óleo e a copia de pinturas ata o s. XIX.

Granear, brunir, raspar unha matriz, preferentemente de cobre, ata lograr unha textura homoxénea de trazos punteados e rebarbas, por medio dun berce ou raedor (semicircular, dentado e en chafrán) que percorre toda a superficie, nun balanceo ao nesgo, ata en 32 direccións. Logo, dende o negro brumoso, o sabio manexo do rascón e do brunidor irán configurando suaves efectos tonais que, feita a tintura e a estampa, ilustrarán as imaxes.

Estética do sublime

Yolanda resucita e asume a maneira negra como un camiño esforzado fronte a outras técnicas máis actuais e doadas -a tal a augatinta, ou «falsa maneira negra»- e nela exercita a estética do sublime. Ademais, dá o salto ao gravado á cor, con sensible mestría, ao aplicar os achados de Le Blon sobre a tricromía (tres pranchas coas cores primarias), perfeccionada logo por G. d’Agoty, cunha cuarta prancha en negro (ou marrón).

O negro é a súa cor, como orixe e debilidade, pero en positivo: elegancia, profesionalidade, dominancia, nobreza, rebeldía, sobriedade... e misterio, esa parte indicible de nós e do mundo, esvaída e inefable, rexión do inconsciente que se resiste a ser enmarcada pola razón. E, entre o negro e o branco impolutos, a relatividade dos grises, esa gama inestable que brilla e se apaga, como unha metáfora ebria de luz incapaz de aprehender a evidencia.

Crea e cre

Yolanda Carbajales crea e cre. Sabe que o gravado, igual ca o sexo, non é unicamente reprodución. Por iso, a súa arte di e oculta, insinúa e seduce. Porque é pureza e beleza que interpelan a nosa incredulidade como un escalpelo voraz. E porque as súas figuras transitan entre a esencia e o abraio, e cobran alento e perspectiva unidas por cabos conceptuais en puntos de encontro, tensión e agarre, tenaces de alegoría e imaxinación. Convite á introspección «onde habita a paz» e se escoita «o asubío do tempo».

Expresión de abraio ante a textura hiperreal e esfiañada dos cabos, carnosos e esenciais, que nos obrigan a seguir a derrota hipotética da súa singradura, e mesmo abordarmos o barco fantasma amarrado ao peirao da arte. Menos é máis. Unha imaxe en espello na que nos miramos como narcisos rendidos á dobre visión do enigma que somos. Pura metonimia en claroscuro!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Á procura da luz