Foi no cine Elma da Pobra do Caramiñal onde eu vivín por primeira vez a maxia do cine. Mesmo creo que podería lembrar a película: Patrullero 777, de Cantinflas. Leváronme meus avós, elegantemente vestidos de domingo, que é como hai que ir ao cine. Teño na cabeza a primeira escena: o coche policial cos faros azuis e vermellos en acción. A policía da Pobra non tiña desas modernidades urbanas. Vin o mundo enteiro dentro dese cine.
Porén, un día levei unha sorpresa. Nos anuncios previos á proxección do filme, puxeron un anuncio de Escurís. Un vello patrón mariñeiro, en castelán, concluía dicindo: «¡Señora, en confianza!», fitando ás potenciais amas de casa das butacas. Aínda que o castelán soaba a marciano, era a primeira vez que vía no cine algo parecido a unha historia próxima.
Noutra ocasión, na Revista (a sucesora do NO-DO), apareceu a procesión do Nazareno nun repaso de «tradiciones populares y ancestrales» e un rumor de satisfeita sorpresa percorreu todo o galiñeiro. Cando o cine viaxaba, coa súa maxia, ata nós, era estraño e marabilloso. Todos tiñamos naturalizado que as historias veñen doutro sitio.
Por iso ten algo de fermoso o que vai acontecer este sábado, ás 21.00 horas, no interior do cine Elma. O colectivo audiovisual Vou Films estreará a curtametraxe As lavandeiras, que está ambientada nese espazo mítico da Pobra que é a Aldea Vella. Alí estaremos para comentar a curta e para apoiar que, hoxe en día, dispoñamos de medios e vontades para facelo.
Os meus avós ficarían sorprendidos. E de seguro que acudirían ao cine vestidos de domingo.