O futuro das pensións


Caixa de correo

De cotío estanse publicando artigos que poñen en cuestión o futuro das pensións públicas por dúas razóns: pola cada vez maior esperanza de vida e porque hai cada vez menos cotizantes e polo tanto, menor recadación. Conclúen afirmando que só caben dúas medidas: incrementar impostos ou retrasar a idade de xubilación. Non vou negar que a esperanza de vida tende a alongarse, tampouco que a relación entre perceptores de xubilación e cotizantes tende a reducirse, porque diminúen as persoas que cotizan polo desemprego e pola modernización dos procesos produtivos e a eliminación de man de obra. En China, unha empresa téxtil ten anunciado que en cinco anos eliminará 500.000 empregos. Pero non temos que ir tan lonxe: dende o 2009 perdéronse 140.000 empregos en Galicia, e hoxe, xa estamos producindo bens e servizos algo por riba do que facíamos no 2009, polo que, o incremento da produtividade foi brutal.

 

O incremento da produtividade é algo positivo se con elo conseguimos mellorar a rendibilidade das empresas e a calidade de vida dos traballadores. A realidade é que só beneficiou á parte empresarial. Os traballadores perderon poder adquisitivo e hai maior precariedade laboral. Esta situación pode e debe mudar. Sabido é que o ADN das empresas é obter beneficios, pero estamos nunha sociedade que establece normas. Entón, ¿sería atolado pedir que se unha empresa adquire un robot que elimina 10 empregos pague un imposto equivalente ou en parte ao custo da seguridade social dos obreiros que elimina? Haberá quen se escandalice. Voulles contar un segredo: eu paguei impostos por adquirir casa e vehículo e sigo pagando por ter casa e por ter vehículo; por certo, non eliminei ningún emprego.

O que quero dicir é que existen solucións para garantir a viabilidade do sistema público de pensións, o que fai falla é vontade de facelo. Unhas pensións dignas, non só é unha cuestión de xustiza, senón que é unha medida de alta rendibilidade social e económica: o que percibimos os pensionistas vai directamente ao consumo e axuda a cubrir necesidades do entorno familiar. Melloremos os salarios, melloremos a calidade do emprego, eliminemos o desemprego e busquemos como mellorar os ingresos da seguridade social.

Xosé Lamela Cacheiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

O futuro das pensións