Gordon: «Un dianteiro ten que ter sorte»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O pichichi do Abanqueiro regalou ás gradas un novo «hat trick» este domingo

15 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata a fecha non hai ninguén que perforase as porterías de Segunda Galicia máis veces que Walison Paula Pereira, Gordon (Goiás, Brasil, 1981). O último que tivo que sufrir ao pichichi do Abanqueiro foi o Urdilde, que veu como, este domingo, o brasileiro brillaba cun novo hat trick.

-Estará contento coa tempada que está facendo...

-Comezamos ben, pero logo tivemos unha pequena racha mala. Agora estamos outra vez gañando, pero hai que estar preparados para todo. No fútbol nunca sabes o que che espera.

-Exerce como crack do equipo e dos mellores da categoría.

-[Ríe] Algúns din que si. Este ano estanme saíndo ben as cousas e teño confianza. Un dianteiro ten que ter sorte, veremos se chega para conseguir o pichichi.

-Os brasileiros levades o fútbol no sangue. ¿Que tedes?

-Non sei, en Brasil dedicamos moito tempo ao fútbol, gústanos moito. Eu xa o practicaba dende pequeno. Facía fútbol sala, ía a adestrar con moitas ganas. Sempre lle tiven moito apego.

-¿Como chegou ao Abanqueiro?

-Lévome moi ben co adestrador, con Manel. O ano pasado estiven parado por unha pequena lesión e falou comigo para ver se ía xogar ao fútbol. Para botar unha man sempre estou dispoñible.

-¿Que tal a experiencia?

-Estou a gusto, acolléronme cos brazos abertos. Nun equipo tes que ser feliz para que as cousas saian ben. Agradezo o apoio dos compañeiros e da directiva. Ca miña experiencia quero axudar aos rapaces máis mozos.

-¿Que é primeiro, o equipo ou conseguir o pichichi?

-O obxectivo é quedar entre os dez primeiros. Eu estou xogando para axudar ao equipo, despois, se podo rematar como pichichi pois mellor. Se ten que ser será, pero non me preocupa. O Abanqueiro é o principal.