Imparte clases e está de xira co seu segundo disco, «A cara bonita da pedra»
14 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Vive, como a maioría dos músicos, a cabalo entre os concertos e a docencia, pero a Rafa Fernández (Noia, 1983) non lle preocupa a duplicidade de empregos, ao contrario. Confesa que sente paixón, practicamente a medias, por ámbalas dúas actividades. Tanto é así que non dubida en asegurar que se conformaría con que o futuro fose igual ca o presente. Se ben é certo que agora mesmo está gozando da boa acollida que está a ter o seu segundo disco, A cara bonita da pedra, unha obra de jazz que gaña nos directos, a golpe de improvisación e dun engadido audiovisual.
Nesta ocasión, o noiés aliouse con tres músicos máis para formar un cuarteto que, sobre o escenario, conta coa colaboración de Iván Torres, un cineasta que proxecta imaxes de texturas, paisaxes e ambientes inspirándose nas composicións: «Aquí non é un espectáculo habitual, pero nos países do norte de Europa si. O audiovisual é un soporte moi importante para a propia música», explica Rafa Fernández.
Á orixinalidade que supón a introdución do elemento audiovisual súmase un repertorio que varía en cada actuación. A base son os temas do disco, todos compostos polo guitarrista de Noia, pero trátase de sinxelos esquemas que adquiren vida propia en cada concerto: «O jazz é improvisación pura ou dentro duns parámetros que ofrece a harmonía do tema. Neste proxecto quixen que tivera relevancia o conxunto». Neste sentido, asegura que os axentes externos tamén exercen influencia, explicando que non será igual a actuación que ten pechada para o verán no Courel con algunha que ofrecerá dentro de museos, cos que tamén está en contacto.
Este novo disco é unha continuidade do anterior, Rafa Fernández quinteto, publicado no 2013 baixo o selo da compañía elixida tamén para o segundo, Freecode. Supón un paso máis nunha traxectoria que o noiés empezou a debuxar cando tiña preto de 20 anos: «Sempre me gustara a música e tocaba a guitarra, pero non vira este mundo como unha saída profesional». Pero, desde que empezou, nunca tivo que buscar outro traballo: «Teño a fortuna de poder vivir da música e sen empregar a docencia como un comodín, pois concédolle tanto valor como ás actuacións».
Labor de divulgador
Como mestre, Rafa Fernández asegura que o seu obxectivo principal é trasladarlle aos nenos a paixón que en el esperta a música: «Máis alá de que lles guste, quero que a coñezan, porque moitos cativos non teñen acceso á música hoxe en día, debido fundamentalmente a un sistema educativo que a menospreza». Engade que lle gusta tamén empregala como medio para conseguir outros fins a nivel formativo: «Leva engadidos valores sociais, de autoestima e de responsabilidade. A música require un traballo regular que precisa dun sistema organizativo que pode axudarlle aos nenos no futuro».
Cando se converte en mestre, asegura que o instrumento e mesmo o estilo son o de menos. Tamén a nivel artístico, o noiés trata de fuxir das etiquetas: «Gústame calquera tipo de música; de feito, o que fago non é jazz puro, porque nunca me atrevería a sacar un disco de jazz, xa que é o estilo que máis respecto me infunde. A música é música, dá igual o xénero».
Sen embargo, del falan en diversos foros musicais coma un dos referentes do jazz feito en Galicia e refírense ao seu novo proxecto coma unha maridaxe artística que brinda unha experiencia única, a través dunha atmosfera sonora que interactúa con texturas visuais. Rafa Fernández acaba por recoñecer que, pasiño a pasiño, vai abríndose camiño: «Si estou con propostas interesantes en festivais de jazz e tamén pechando actuacións en museos para este ano». A cita máis próxima está fixada para o 23 de febreiro, no Portajazz da cidade lusa de Porto.
O músico. Rafa Fernández aliouse con Virxilio da Silva (guitarra), Álex Salgueiro (teclados) e Juan Cañada (contrabaixo). A eles súmase, nos concertos, Iván Torres, que proxecta imaxes inspiradas na música.
O mestre. O noiés imparte clases na Escola de Música de Muros e tamén en Musikartis, en Bertamiráns.