Sobre a violencia de xénero

Adolfo Muíños BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

10 ene 2019 . Actualizado a las 12:54 h.

Cumpríase no Nadal un ano do achado do corpo de Diana Quer nunha nave de Asados, logo do cruel secuestro na Pobra e asasinato posterior. Como sociedade, compartimos a dor e fomos solidarios coa familia, rexeitando esta violencia extrema. Foron moitas as mostras populares de repulsa, as concentracións masivas, especialmente na Pobra e Rianxo, expresando tamén a carraxe e desprezo social contra o presunto autor dos feitos. Considerámonos como colectividades interpelados directamente e saímos ás rúas amosando unha vontade inequívoca e firme de traballar para erradicar a violencia que se deu por ser muller, unha agresión machista que nos tocou no íntimo.

É por isto que cando se celebra o cabodano destes feitos non podemos pasar por alto, como representantes públicos, que a mentira se instale nin sequera como elemento discursivo ou de debate político arredor da violencia machista. Xa non debería ser admisible nun ambiente de dialéctica tabernaria (no peor senso do termo), e menos, tolerable na boca de quen se lle supón debería amosar un certo rigor intelectual ou sentido da dignidade como figuras representativas democraticamente elixidas.

Mentira porque cando se cuestiona a lei contra a violencia de xénero con argumentos como que queremos atender todas as violencias, tamén os homes reciben abusos, hai mulleres que fan denuncias falsas... sinxelamente son argumentos que deberían dar vergonza a quen os expón. Sabemos, e eles sábeno, que o 98 % dos causantes dos abusos e agresións son homes, que apenas se denuncia a punta do iceberg das agresións, que as mandas son exclusivamente masculinas, que as denuncias falsas son apenas o 0,0075 % dos milleiros que se produciron desde o 2009 no estado. Poderíamos seguir até o infinito na descrición estatística con datos e evidencias que sinalan nunha mesma dirección: a violencia estrutural masculina contra a muller. Como se conclúe nos tratados legais vixentes no estado como a Lei de protección integral contra a violencia de xénero, ou a nivel internacional, no chamado Convenio de Istambul. O xénero que debe ser protexido é o feminino, porque existe unha violencia xeneralizada e extrema contra elas, exercida polos homes, coa gravidade de transcorrer na contorna familiar e próxima onde deberían estar seguras, o que a fai especialmente noxenta.

Abondan temas para diferenciarse politicamente, discutir pactos, dar alternativas, matizar... Mais non mintan nin muden consensos nisto. Por Diana, ou Laura Luelmo ou polas máis de 970 mulleres asasinadas desde 2003 en España.

Adolfo Muíños. Alcalde de Rianxo.