Gaiolas naturais

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

02 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alexislación española de espazos protexidos é prexudicial para a conservación dos parques naturais e áreas protexidas. Ao contrario do que sucede noutros estados europeos como Francia, converte os espazos declarados en museos da natureza, estruturas naturais inmortais á vista de urbanitas que os visitan, tamén dos lexisladores que nunca viviron no campo. Estes espazos chegaron a nós en boas condicións, tras xeracións que conviviron con eles, que sempre actuaron sobre os seus elementos coa sabedoría necesaria para a defensa do espazo e do home. Sempre limpaban os ríos e regatos para evitar os asolagamentos, sempre cortaron pólas ou árbores enteiras que molestaban para o funcionamento racional do hábitat e sempre cazaban os animais salvaxes. Non tiñan que pedir permiso a institucións alleas á realidade rural.

As razóns para declarar un parque ou espazo natural naceron da preservación da área dos depredadores inmobiliarios, pois moitos foron destruídos pola visión de negocio, polo egoísmo de ter unha segunda residencia nun lugar privilexiado, pero coas normas viñeron condicións que converten aos donos de leiras en paxaros atrapados en gaiolas, prohibíndolles facer os labores que aprenderon dos seus devanceiros, baixo pena de fortes sancións.

Hipotecan aos donos das leiras por ter que consultar calquera acción necesaria a organismos alleos ao rural, aburríndoos ata abandonalo todo. Talvez a orixe de algúns incendios estea na desolación dos nativos. Se queremos preservar os espazos naturais, fagámolo con sentidiño e deixando vivir aos do lugar.